Congreso

Néstor Rego: «A proposta de Estatuto electrointensivo é insuficiente e decepcionante»

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado do BNG considera que, após un ano de demora, o proxecto de Estatuto do Consumidor Electrointensivo aprobado polo Consello de Ministro non presenta novidades significativas en relación co rascuño presentado en febreiro e continúa sen ser a solución que dea estabilidade á industria electrointensiva galega.

Néstor Rego advirte que o Goberno “non tomou en consideración as alegacións presentadas polo BNG e por outras entidades (centrais sindicais, empresas, institucións públicas) e presenta un proxecto de Estatuto que fica lonxe de asegurar unha tarifa asumíbel, estábel e predicíbel para o sector electrointensivo”.

Aliás, o proxecto deixa moitas incógnitas, especialmente sobre a posibilidade de que os custos que se detraerán da tarifa para a industria electrointensiva (como é o caso das primas ás renovábeis) poida ser repercutido -aínda que sexa de maneira indirecta- ao conxunto dos consumidores e consumidoras, en vez de seren asumidos polos Orzamentos do Estado, como defende o BNG.

As alegación presentadas pola fronte nacionalista defendían subir até 100% as bonificacións de custos como os extrepeninsulares (que fican en 85%) ou os de transporte para países produtores excedentarios de enerxía eléctrica como a Galiza. Parece de sentido común que quen produce e asume os custos sociais e ambientais poida beneficiarse desa produción que, ademais, se sitúa preto das empresas e persoas consumidoras.

Insuficiente tamén a compensación por CO2, para o que se dota un fondo de 200 millóns de euros, en vez de o subir até os 300 millóns que permitiría a Unión Europea, coa agravante de que, ao relaxar as condicións para acceder á cobertura do Estatuto se pasou de pouco máis de 100 empresas a máis de 600, o que prexudica o sector no noso País.

Tampouco o Estatuto estabelece de maneira clara e suficiente as exixencias para as empresas beneficiarias no que ten a ver co compromiso de mantemento e do emprego e da actividade ou para a modernización que redunde en maior eficiencia e redución do consumo de enerxía.

O deputado nacionalista advirte que este proxecto non dará solución á crise da industria electrointensiva na Galiza, que implica risco de perder 5.000 postos de traballo, e sinala que o Goberno “está a incumprir os compromisos establecidos que tiñan por obxectivo garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo”. Rego asegurou que o BNG seguirá traballando para que finalmente poida haber un Estatuto á altura das necesidades.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG