Xerais 2019 (10N)

Néstor Rego promete que o BNG rematará coa "afonía política" de Galiza en Madrid

Acto San Sadurniño
Acto San Sadurniño
Defendeu San Sadurniño e Moeche como exemplo das "políticas transformadoras" que trasladarán ao Congreso

O BNG quere rematar o 10 N coa "afonía política" de Galiza no Congreso e esa é a idea que defendeu o seu candidato pola Coruña, Néstor Rego, en San Sadurniño, solicitando o voto para ter voz onde se toman tantas decisións que afectan aos intereses galegos.  Rego insistiu en pedir que o voto "en chave galega" se concentre no  BNG porque "está demostrado que cando está, o noso país gaña". En dous concellos con gobernos nacionalistas, San Sadurniño e Moeche, defendeu o "modelo BNG" de políticas transformadoras para o benestar das persoas.

A importancia de que o BNG teña representación en Madrid foi o tema central do mitin que o seu candidato pola Coruña deu esta mañá en San Sadurniño, acompañado do alcalde da nacionalista Secundino García e a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi, ademais da candidata Silvia Pardo. Despois dunha visita aos dous concellos gobernados polo BNG, Néstor Rego participou nun mitin en que defendeu a necesidade de ter voz propia no Congreso, para "poñer fin á afonía política que padecemos".

Anotou o candidato nacionalista que os últimos catro anos abondaron para mostrar que "non podemos seguir confiando nas forzas estatais que non nos representan" e citou, como exemplo, a aprobación polo PSOE e Podemos dos peores orzamentos para os intereses galegos, tan só 745 ME consignados para o noso país fronte aos 2100 que se conseguiran cando os dous deputados do BNG eran necesarios para a súa aprobación.

"Logo hai quen di que quere poñer acento galego en Madrid, e nós dicímoslle que, tristemente, o único que permitiron sempre en Madrid de Galiza foi o noso acento, mais para facer brincadeira con el", sinalou Néstor Rego que, pola contra, asegurou que co BNG "estarán presentes todas as palabras, os intereses e os dereitos de galegas e galegos, con voz propia, con contundencia, como sempre fixemos".

Criticou así que nin o goberno galego de Feijóo  nin o estatal que presidía Pedro Sánchez velaran polos intereses galegos permitindo a deslocalización das nosas empresas, o desmantelamento industrial acelerado, ou poñendo veto á exixencia dunha tarifa eléctrica  galega fundamental para apostar polo desenvolvemento económico do país.

"Só unha voz galega pode defender os intereses do noso país. As outras, como comprobamos, responden ao que lle mandan desde Madrid, e votan o que lle impoñen mesmo prexudicando a quen tiña que representar", apuntou Néstor Rego. "Só o BNG é esa voz galega libre e soberana que só responde ao mellor para o noso país", dixo o candidato nacionalista.

Na súa intervención apelou ás persoas que votaron outras forzas da esquerda, porque segundo dixo "estarán defraudadas co resultado", tamén ás que en anteriores eleccións votaron outras forzas galegas que xa non se presentan para "concentrar todo o voto en chave galega e contar  cunha voz que defenda os nosos dereitos, a democracia e os dereitos e liberdades públicas".

O poder transformador do BNG

O candidato nacionalista estivo acompañado por un alcalde e unha alcaldesa que revalidaron nas pasadas municipais os seus postos á fronte das corporacións municipais de San Sadurniño e Moeche, "porque cando o BNG está e goberna nótase a transformación e o labor das institucións para a mellora do benestar das persoas", sinalou Néstor Rego.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, afirmou que "é vital" que o BNG teña representación xa que é a única maneira de que "Galiza teña presenza política no estado". "Non podemos correr o risco de non estar cando, por exemplo vise dar o debate territorial, falar de financiamento local e van estar os nosos dereitos sobre a mesa polo que temos que ter quen os defenda", defendeu Secundino García.

Pola súa parte, a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoi, lembrou que, por exemplo, a reforma do castelo do seu concello foi un proxecto financiado cos orzamentos do estado grazas á iniciativa naquel entón do deputado nacionalista Francisco Rodríguez. "Os deputados e deputadas nacionalistas puxéronlle voz á nosa comarca,  e grazas a eles falouse en Madrid de Navantia, da tarifa eléctrica,  de Endesa e de tantos outros temas que só se sentiron grazas a súa voz e que logo fixo que a ausencia fose clamorosa", apuntou.

A candidata da comarca ás eleccións do 10N, Silvia Pardo, apuntou as razóns que urxen a que o BNG volva ter presenza no Congreso. "A voz do BNG será a voz galega e pode mudar as cousas, facer que os nosos problemas conten, que se defendan os nosos sectores produtivos, o tecido industrial e os nosos dereitos para que, por exemplo, a mocidade non teña que seguir emigrando", sinalou Silvia Pardo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG