congreso

Néstor Rego pon en valor o logrado no Congreso para A Coruña e marca novos obxectivos

Néstor Rego e Francisco Jorquera
Néstor Rego e Francisco Jorquera

O BNG destaca o labor realizado na pasada lexislatura “en que non houbo tema de relevancia que non fose levado ao Congreso” e sinala a “importancia de ter un grupo galego forte en Madrid para sermos decisivos en favor dos intereses da Galiza” declara o deputado nacionalista

Jorquera critica a pouca exixencia que mantivo a alcaldesa da cidade co Goberno do Estado e remarca a importancia de que o BNG teña Grupo Galego propio no Congreso para defender os intereses da Coruña

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal da frente nacionalista na cidade da Coruña, Francisco Jorquera, puxeron en valor o traballo realizado polo BNG nos últimos catro anos no Congreso “defendendo os intereses da cidade e da comarca da Coruña”. A bonificación das portaxes da AP-9 para usuarios recorrentes, a dragaxe da Ría do Burgo ou a conexión ferroviaria co porto exterior da Coruña son algúns dos logros da organización nacionalista durante esta lexislatura, mais avanza a necesidade de contar cun grupo galego forte que permita condicionar as políticas do Goberno do Estado e para desbloquear novas cuestións da axenda galega. No caso da Coruña sinalan a condonación da débeda do porto interior, a cesión do cárcere vello, as vivendas da SAREB, a modernización das infraestruturas ferroviarias e a implantación das cercanías, así unha AP-9 galega e libre de peaxes como prioridades.

“Son numerosas as cuestións que o BNG levou nesta lexislatura ao Congreso a pesar de só contar cun único deputado. De facto, non houbo cuestión que a frente nacionalista non tivese trasladado ao Goberno do Estado” comeza o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, Néstor Rego pon en valor o inicio das obras para o dragaxe e rexeneración da Ría do Burgo, unha demanda histórica da cidadanía e do sector marisqueiro que o BNG asumiu como propia e que foi incluída no acordo de investidura posibilitando así a súa consecución. En materia ferroviaria, o deputado nacionalista destaca tamén como logro do BNG posta en marcha da conexión ferroviaria da cidade co porto exterior da Coruña, así como tamén o fito histórico que supuxo a bonificación para pasaxeiros recorrentes nas portaxes da AP-9 –grazas así mesmo ao Acordo de Investidura-.

Porén, o BNG, ademais de destacar o traballo feito, quere marcar tamén os seus obxectivos e prioridades para a vindeira lexislatura en relación coa cidade da Coruña e a comarca segue explicando Néstor Rego. Así, no caso da AP-9 “o BNG non se conforma coa rebaixa conseguida nas peaxes na Autoestrada do Atlántico”. “Temos unha premisa innegociábel que é conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes, especialmente agora, cando a Unión Europea ven de declarar ilegais as prórrogas na concesión”  finda.

Así mesmo, o BNG seguirá a traballar pola modernización da rede ferroviaria interna. “Queda moito por facer neste eido como, por exemplo, a conexión ferroviaria entre A Coruña e Lugo e, sobre todo, a implantación de servizos de proximidade ou cercanías nas principais cidades galegas, como é o caso da Coruña e a súa área de influencia”

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, pon en valor o traballo realizado polo deputado nacionalista durante esta lexislatura. “Foron moitas as iniciativas rexistradas pola frente nacionalista no Congreso que o Goberno do Estado se negou a realizar. Fican cuestións pendentes como a condonación da débeda do porto, a cesión gratuíta ao concello do antigo cárcere ou a transferencia de todos os activos que posúe a SAREB para destinalas a vivenda pública, sobre todo en réxime de aluguer” enumera.

A respecto dos inmobles da SAREB, o BNG leva anos reclamando que se integren no parque de vivenda pública ante a negativa do Goberno, que dicía que non era posíbel, para despois en pleno período electoral, anunciar a cesión, primeiro de 6 vivenda e logo ofertar 60 previa adquisición pola Xunta. Agora o Goberno central anuncia tamén a posta a disposición dos terreos de defensa -parcela da Maestranza e Rúa Adelaida Muro- pero que serían vendidos ao Ministerio de Transporte en lugar de cederllos ao Concello.  Porén o BNG seguirá a reclamar a cesión gratuíta tanto dos inmobles da SAREB como de todos os terreos en desuso de Defensa para a promoción de vivenda pública e o alugueiro social.

Ademais, “seguiremos a reclamar, tal e como xa fixemos a través de distintas emendas nos Orzamentos do Estado” destaca Rego, “a condonación da débeda do porto interior da Coruña”. “É incomprensíbel a negativa do Estado a asumir ese compromiso, cando si o fixo en outros casos como o do Porto de Valencia pola Copa América, una débeda xerada para unha actuación que nada ten que ver coas actividades produtivas. De manter a decisión estaríase hipotecando o futuro da fachada litoral da cidade por unha débeda xerada pola construción dunha infraestrutura produtiva como é o porto Exterior da Coruña” conclúe Jorquera.

“No caso do cárcere vello seguiremos tamén a reclamar o compromiso do Estado na cesión e restauración do inmoble” continúa o portavoz municipal do BNG, “pois non podemos dar por bo un  acordo en que o Concello teña que pagar case dous millóns trescentos mil euros para lograr a cesión do que é da cidade e sen fixar ningunha contribución para a súa rehabilitación”.

Alén do máis, Jorquera critica a actitude pasiva da alcaldesa da cidade cualificándoa como “pouco exixente” co Estado nestas cuestións. “Durante este mandato, o goberno municipal non defendeu os intereses da cidadanía da Coruña. É necesario que o BNG teña na seguinte lexislatura un Grupo Galego forte en Madrid para defender, con máis peso e influencia, os intereses da Coruña e condicionar as políticas que leva a cabo o Goberno do Estado” afirma o voceiro do BNG na Coruña.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG