CONGRESO

Néstor Rego exixe ao Goberno que impida o espolio de bens no Pazo de Meirás

Néstor Rego

Néstor Rego chama o Estado a adoptar todos os mecanismos legais e xurídicos para evitar o roubo dos bens móbeis con gran valor histórico cultural.

A formación nacionalista reivindica a propiedade do Pazo para o conxunto dos galegos e galegas.

Néstor Rego exixe ao Goberno que impida o espolio de bens no Pazo de Meirás

Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno do Estado que tome as medidas necesarias para evitar o espolio do Pazo de Meirás tras se coñecer o auto da Audiencia Provincial da Coruña que recoñece aos Franco que poden retirar os móbeis e obxectos que se encontran dentro del. O deputado nacionalista exixe que a Avogacía do Estado que solicite unha nova medida cautelar e garanta a permanencia dos bens mobles dentro do inmoble xa que se trata dun conxunto patrimonial histórico-artístico.

O auto da Audiencia Provincial da Coruña anula a medida cautelar adoptada polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 que prohibía á familia Franco sacar bens do Pazo de Meirás. Para a organización nacionalista, os argumentos aportados pola Audiencia son “moi discutíbeis” posto que os móbeis deberían considerarse parte da propiedade que reclamou a Avogacía do Estado por seren “inmóbeis por destino”.

“Debe lembrarse que o Pazo de Meirás conta coa protección de ser declarado Ben de Interese Cultural o que supón que os herdeiros do ditador non deberían ser autorizados a retirar nin un só dos bens que se encontran no Pazo” sinala o deputado nacionalista. Así mesmo, destaca que o propio tribunal que hai meses deu a razón aos Franco no sentido de que deberían ser indemnizados -decisión xa recorrida- “é o mesmo que agora considera que teñen o dereito de retirar bens móbeis do seu interior, sen reparar na orixe destes, a súa procedencia ou mesmo o seu valor histórico cultural”.

Por este motivo, a organización frentista reclama ao Goberno do Estado que actúe de maneira inmediata dando as instrucións necesarias á Avogacía do Estado para que se estabelezan todas as medidas xurídicas posíbeis. “Sabemos que este auto non pode ser recorrido de maneira directa mais existen mecanismos legais e xurídicos para protexer os bens e evitar o espolio do Pazo” apunta Rego. 

A curto prazo, e como medida urxente, pódese solicitar á Sala primeira do Tribunal Supremo unha medida cautelar que impida a retirada dos bens móbeis do Pazo de Meirás. “Tamén cabe, se for preciso, iniciar unha nova acción para reclamar os móbeis xa que resulta evidente que o Goberno debe defender que continúen no Pazo” asevera o deputado nacionalista.

 Bens móbeis propiedade da cidadanía galega

A sentenza estabelecía que a titularidade que ostentaba a familia Franco procedía dunha “doazón” forzada e coaccionada feita a favor do naquel momento Xefe do Estado e que, por tanto, debe considerarse patrimonio do Estado, polo que é lóxico supor que gran parte do contido do pazo, senón todo, incluíndo obras de arte e outro mobiliario tivesen a mesma orixe. En todo caso, a medida cautelar obrigaba a esperar á súa catalogación antes de determinar o seu destino e esa necesidade non deixa de estar vixente aínda que se proceda á execución provisional da sentenza. 

Así, por exemplo, cabe lembrar que “dentro do Pazo se encontran as dúas estatuas atribuídas ao Mestre Mateo dos profetas Isaac e Abraham que formaban parte do Pórtico da Gloria e que foron xa declaradas como Ben de Interese Cultural”, as cales seguen en litixio xudicial pois o Concello de Santiago de Compostela reclama a súa devolución tras seren espoliadas. Así mesmo, a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán tamén goza desa protección pois o expediente xa se iniciou para proceder a declarala como BIC.

Néstor Rego exixe ao Goberno que impida o espolio de bens no Pazo de Meirás