- Para a nacionalista, aínda queda tempo para que a Xunta se implique nunha parte do ERE por aplicar
A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe unha Proposición non de lei pola que reclamaba do Goberno galego emprender as accións necesarias para o mantemento de oficinas bancarias e frear a perda de postos de traballo no Banco Popular–Pastor.
A parlamentaria explicou que no momento de ser adquirido o Banco Popular contaba con 4.100 traballadores e 5.088 oficinas e representaba o 18% do mercado financeiro galego. Agora, dixo, o Banco Popular pretende dar outro golpe de “graza” anunciando o despedimento de 435 empregadas e empregados dun total de 1.756.
A deputada, tras saudar ao colectivo de traballadores/as afectados polo ERE presentes no debate asegurou que o Expediente de Regulación de Emprego provoca unha grande incidencia en Galiza a pesar de ser o Banco Pastor a parte máis saneada con sede no noso país, en embargo é a “máis afectada polo ERE”.
Para a deputada, o ERE debilita ao máximo a estrutura do banco en Galiza co peche de 42 oficinas e peche parcial de 25 no ámbito rural que abrirán dous ou tres días a semana.
O PP amosa a súa solidariedade cos/as afectadas polo ERE pero non se compromete a mediar
Ante a solidariedade amosada pola portavoz popular, Paula Prado, aos traballadores do Banco Popular-Pastor, a deputada nacionalista pediu “algo de pudor” ao Partido popular e criticou o seu “desleixo” ante o conflito. Montse Prado lembrou que o sindicato nacionalista CIG non apoiou o ERE e o acordo que obrigaba aos traballadores a adhesións voluntarias co 65% ou 75% do salario ou ben a desprazarse a traballar a Madrid polo que volveu pedir do Goberno galego a súa “implicación porque aínda queda unha parte do ERE por aplicar”.
A parlamentaria do BNG asegurou que o Partido popular non recibiu aos traballadores, a pesar das manifestacións nas inmediacións do propio Parlamento galego, e agora, recalcou, “o Partido popular, dende o sillón mostra a súa solidariedade”. O PP, afirmou, alíase coa banca impulsando reformas laborais que permiten que unha entidade como o Pastor- Popular con beneficios leve adiante un expediente de regulación de emprego.
A deputada rematou a súa intervención pedindo ao Parlamento galego instar á Xunta a apoiar aos traballadores e traballadoras e garantir o sistema financeiro en Galiza.