Montse Prado pide a derrogación das contrarreformas laborais de PP e PSOE polo incremento da precariedade

Montse Prado
Montse Prado

Propón equiparar o SMI ao 60% do salario medio, tal é como recomenda a carta social europea 

Montse Prado pide a derrogación das contrarreformas laborais de PP e PSOE polo incremento da precariedade

A portavoz parlamentaria de Emprego, Montse Prado, denunciou na Cámara o incremento da precariedade laboral en Galiza como evidencia o último informe da CIG sobre salarios correspondente ao 2016,  que constata o avance da precariedade laboral, o incremento das desigualdades entre persoas asalariadas e a importante perda de poder adquisitivo da poboación.

“A precariedade non fixo máis que aumentar. En 2016 o 30% da poboación non acadou o salario mínimo cando en 2009 era menos do 26%”, salientou a deputada, quen tamén fixo fincapé en que os datos indican que aumentou a brecha entre os que máis cobran e os que menos. “En 2009 unha persoa asalariada do grupo de maiores ingresos equivalía a 66 dos de menores ingresos. No ano 2016 a equivalencia é de 1 a 91”, sinalou.

De feito, o informe sinala que o único colectivo que medra é o das persoas con ingresos inferiores á menos da metade do SMI, que sube o número de persoas traballadoras nos sectores de actividade de menores ingresos, e o incremento da poboación ocupada naquelas actividades de menores salarios. Todo isto contribúe a precarizar o mercado de traballo, en particular entre a xente moza, aínda que os salarios en 2016 son menores que no 2009 en todos os tramos de idade.

“Os datos plasman con clareza o forte incremento da precariedade laboral que se produciu neste período. A crise serviu de xustificante para implantar dúas reformas laborais, cada cal máis lesiva para a clase traballadora, e deixa logo de sete anos uns salarios máis baixos e unhas condicións laborais moi deterioradas”, sintetizou Prado.

Neste contexto,  a deputada do Bloque reclamou no Parlamento a posta en marcha de todas as medidas necesarias “para reverter as consecuencias de anos de desregulación do mercado de traballo, amparada polas sucesivas reformas laborais que deron carta de natureza á precariedade, á temporalidade laboral, á expulsión do mercado de traballo de miles de [email protected], á emigración masiva, co conseguinte incremento da pobreza e da exclusión social”.

Para o BNG, as sucesivas contrarreformas laborais aprobadas polo PP e polo PSOE están detrás do aumento da precariedade e na aparición da figura do traballador e traballadores pobres, e considera inexplicable que aínda non se teñan derrogado. Por iso, Prado tamén defendeu reclamar ao Goberno central a supresión desas contrarreformas e aprobar un incremento do SMI ata acadar o 60% do salario medio, tal e como establece a carta social europea.

“Amparados na crise están deixando á clase traballadora na pobreza, esa é a autentica realidade de Galiza na que viven milleiros de persoas. Traballar mais e cobrar menos, esa é a radiografía infame derivadas das reformas laborais”, concluíu Prado.