parlamento galego

Montse Prado acusa ao Goberno do PP de actuar como “comercial” da sanidade privada ao eliminar o complemento de dedicación exclusiva aos médicos

Montse Prado
Montse Prado
“Estanlle poñendo a alfombra vermella á privada a costa do deterioro da atención pública”, asegurou a deputada do BNG, que se preguntou: “¿Pódese traballar no Corte Inglés pola mañá e en Zara pola tarde?”

A deputada do BNG Montse Prado esixiu hoxe á Consellería de Sanidade que manteña o complemento de dedicación exclusiva para o persoal médico do Sergas e acusou ao Goberno do PP de “poñer o máximo empeño en traballar como comercial da privada en lugar de facelo na mellora da asistencia sanitaria aos galegos”. “Estanlle poñendo a alfombra vermella á privada a costa do deterioro da atención na pública”, dixo a nacionalista durante a súa intervención na Comisión 5ª.

Nunha interpelación á directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana María Comesaña, a parlamentaria nacionalista denunciou que coa eliminación do complemento a Xunta do PP “vai ceder de novo á presión da patronal, que leva tempo advertindo que ten dificultades para contratar profesionais”. “Pretenden solucionar o déficit de médicos na sanidade privada e mellorar os ingresos dalgúns médicos”, declarou. Ao seu xuízo, a medida será “un paso máis” para favorecer a privatización da sanidade, na mesma dirección que “as listas de espera indecentes, a desatención que fai que acuda á privada quen pode pagar, a derivación dos doentes ou a privatización de servicios esenciais”.

Montse Prado advertiu do “risco de competencia desleal” que suporá a eliminación do complemento, unha decisión coa que, sostivo, o PP  pretende evitar a Lei de Incompatibilidades, que prohibe a quen traballa para a administración pública recibir dous soldos do sistema público, entendendo que os centros concertados son unha extensión deste.

“Vostedes en vez de mellorar as condicións laborais e retributivas para mellorar a sanidade pública pretenden rebaixar a fenda retributiva facendo que o persoal médico do Sergas traballe o dobre, combinando o seu traballo no público coa privada, para ter un salario digno”, apuntou a deputada do Bloque. “Eso é explotación”, sentenciou.

Montse Prado amosouse convencida de que o “pluriemprego” suporá una merma de calidade na atención aos doentes e preguntou á directora xeral: “¿Alguén pode pensar que se pode traballar pola mañá no Corte Inglés e pola tarde en Zara? ¿Ou en Naturgy e en Endesa ao mesmo tempo?” .
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG