Miranda, Post e Forenza instan ao Estado español a cumprir a resolución europea contra o avance do fascismo

dav
dav

As eurodeputadas critican o silencio da Eurocámara diante das diferentes expresións do neofascismo en Europa

Miranda, Post e Forenza instan ao Estado español a cumprir a resolución europea contra o avance do fascismo

As eurodeputadas impulsoras da Resolución contra o avance do neofascismo en Europa, Ana Miranda (BNG, grupo Verdes-ALE), Soraya Post (S&D) e Eleonora Forenza (GUE), fan un chamamento ás democracias europeas, e en concreto ao Estado español, para que cumpran as directrices que marcan o documento, aprobado na Eurocámara o pasado 25 de outubro con amplísima maioría.

“Temos unha valiosa ferramenta para frear o avance do fascismo, que no seu artigo 20 urxe aos Estados Membros a prohibir as asociacións e organizacións que fan apoloxía do fascismo e do nazismo”, subliña Miranda, quen xunto a Post e Forenza critican o silencio do Parlamento Europeo e o seu presidente fronte ás distintas expresións do neofascismo en diversos países europeos como Italia. Precisamente as eurodeputadas denuncian as actitudes fascistas do goberno italiano, como por exemplo a detención esta madrugada en Lampedusa da capitana do Sea Watch Internacional tras impedir que este e outros barcos de salvamento marítimo poidan atracar coas persoas refuxiadas salvadas nos seus portos.

A eurodeputada nacionalista subliña a importancia de contar cunha resolución contra o avance dos fascismo impulsada por tres grupos parlamentarios - que finalmente tamén contou co respaldo dos grupos ALDE e EPP- que ten por obxectivo frear a violencia, tanto física como institucional, que se produce en Europa por parte de grupos neofascistas. Miranda apunta que hoxe en día non sabe "se coa composición da Eurocámara tería sido aprobado un texto tan amplo e con tanto acordo entre cinco grupos políticos diferentes, da esquerda á dereita".  

A eurodeputada galega quere agradecer o traballo das outras dúas eurodeputadas, a italiana Eleonora Forenza que sufriu un ataque neonazi -motivo inicial que propiciou a proposta de Resolución- e a sueca Soraya Post, pois ambas non repiten na lexislatura entrante, e afirma que "estas mulleres valentes son unhas verdadeiras antifascistas". Miranda anuncia que en outono viaxarán a Galiza, para visitar o pazo de Meirás e falar da loita antifascista.

Prohibir a fundación

Neste sentido, a eurodeputada do Bloque sinala que, tal e como recolle a resolución, o Parlamento Europeo insta ao Estado español a prohibir a Fundación Francisco Franco, cuxa existencia ao seu xuízo é unha “anomalía democrática”. Asemade lembra que as emendas contemplan a retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos, así como a retirada de toda a simboloxía franquista. Neste sentido salienta que a parálise cautelar da exhumación do ditador acordada polo Tribunal Supremo incumpre a resolución.

“Mentres o Estado español incumpre unha resolución europea, os descendentes do ditador actúan con total impunidade”, denuncia a eurodeputada do Bloque, en referencia as demandas presentadas contra o colectivo 19 de Meirás por reclamar a devolución do pazo e o investigador Carlos Babío, coautor da obra “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”, por explicar a orixe da fortuna franquista.