Ana Miranda denuncia en Bruxelas a manipulación na televisión e radio públicas galegas

Ana Miranda CRTVG
Ana Miranda CRTVG

O BNG critica que o goberno galego incumpre a normativa comunitaria que promove o pluralismo nos medios de comunicación

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia nunha pregunta escrita dirixida á Comisión Europea os graves problemas de manipulación que se producen na televisión e na radio públicas galegas. Para Miranda é imprescindible que a Comisión tome medidas e faga cumprir a súa propia normativa na defensa do dereito á información e á pluralidade nos Estados Membros.

“Son escandalosos os casos de manipulación e falseamento das informacións que sinala o Comité Intercentros da CRTVG na denuncia presentada recentemente na Comisión de Peticións”, subliña a eurodeputada galega, quen como membro titular desta a Comisión facilitou o seu rexistro e tramitación. 

Ao respecto, Ana Miranda destaca o traballo exhaustivo realizado polos integrantes do Comité para documentar perfectamente exemplos de manipulación como a comparecencia de Rajoy nos xulgados, a sentenza do caso Gürtel, ou a mobilización contra a Mina de Touro, así como nas declaracións realizadas no seu propio Twitter sobre a inmigración, na que desde a conta do medio público ocultouse o contexto e o sentido no que foron realizadas.

Na iniciativa presentada polo BNG, Miranda critica que o Goberno galego incumpre a Directiva 2010/13/UE de "Servizos de Comunicación Social Audiovisual", que declara que é esencial que os Estados Membros eviten feitos que poidan restrinxir o pluralismo e a liberdade de información. Ademais, a Directiva especifica que entre as obrigas impostas polo Tratado da UE aos Estados Membros estes son responsables da aplicación efectiva da mesma para potenciar ese pluralismo e polo tanto o goberno Galego é responsable do seu cumprimento.

Por outro lado, para o Bloque tanto o Goberno galego como o Director Xeral da Radio e Televisión públicas da Galiza (CRTVG) conculcan a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea, que declara que toda persoa ten dereito à liberdade de expresión, que inclúe a liberdade de opinión e a liberdade de recibir ou comunicar informacións ou ideas sen a interferencia de autoridades públicas.

#DefendeAGalega o 8 de setembro

“Diante desta situación todas as semanas sumamos o noso apoio ás protestas dos traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos”, explica Ana Miranda, en referencia aos denominados #VenresNegros cos que se deu a coñecer nas redes sociais a iniciativa #DefendeaGalega. Neste sentido confirmou que participará na manifestación convocada o 8 de setembro en Santiago de Compostela para defender a independencia e pluralidade da radio e televisión públicas galegas.

A eurodeputada nacionalista lembra que os representantes do Comité da CRTVG xa estiveron en Bruxelas manifestando os problemas na televisión e radio públicas o pasado 24 de maio, a través da súa participación na xornada organizada polo BNG no Parlamento Europeo sobre liberdade de expresión.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG