Mini: "A xestión da Xunta contra a couza da pataca foi un fracaso"

Xosé Luís Rivas "Mini"
Xosé Luís Rivas Mini

Pide medidas de control, investigación, traballo de campo, divulgación e recuperar as oficinas agrarias contra unha praga que vai en aumento

O deputado do BNG, Xose Luís Rivas lamentou “a falta de eficacia” na xestión da Xunta para loitar contra a praga da couza da pataca. Trala comparecencia da directora Xeral de Agricultura e Alimentación, Belén do Campo na comisión de Agricultura para informar da actual situación  relacionada coa couza guatemalteca da pataca, o nacionalista recriminou á Xunta aplicar  medidas “insuficientes dende o principio” porque a couza, afirmou segue aumentando. É preciso que a Xunta se implique con “medidas urxentes e de calado”.

Neste momento, explicou o deputado,  a couza pasa da zona afectada a moitos quilómetros de distancia como aconteceu no concello de Muxía. Para o deputado, a raíz do problema radica na falta de investigación, “os centros de investigación seguen sen orzamentar” e  hai carencia de  novos investigadores porque  os de máis idade están a piques de xubilarse e non deixan escola detrás.

Por outra parte, o nacionalista replicou á directora xeral a “ineficacia e insuficiencia” das campañas informativas. Neste sentido, convidou a responsable de Agricultura e Alimentación a aproveitar a Televisión galega, as escolas, os bares, etc., para a divulgación, porque cando queren criticou Rivas , “ben que manipulan a través dos medios de titularidade pública” e agora que resulta imprescindible unha información veraz sobre a couza, desprezan estes recursos a pesar de que cada  veciño do medio rural debe saber que “esas patacas hai que arrincalas da zona afectada”.

Rivas  lembrou que foron decomisados moitos quilos de patacas afectadas e aínda así, o problema persiste do que se deduce, reiterou, “que as medidas non foron suficientes”.

Na súa intervención, o deputado tamén aludiu  á necesidade de retornar á investigación, aplicar medidas de control, medidas para a divulgación así como a recuperación  das oficinas agrarias, “sempre ben dotadas” a nivel veterinario sobre todo despois do acontecido coas vacas tolas pero “infradotadas en canto ao aspecto agrícola”. Ademais, engadiu, contaban con técnicos con importante  formación e traballo de campo que proporcionaban “grande confianza” á poboación do medio rural.

Rivas reiterou que a Xunta debe acometer “medidas urxentes e de calado” para loitar contra a couza da pataca.

A DIRECCIÓN DE MONTES RECOÑECE “TRÁMITES FARRAGOSOS” PARA RETIRAR MADEIRA QUEIMADA EN MONTES CONVENIADOS

Por outra parte, na mesma comisión, o deputado do BNG formulou unha pregunta ao director Xeral de Montes, Tomás Fernández  Couto  sobre as solicitudes de axuda para retirada da madeira queimada cando as comunidades de montes non poden asumir esta tarefa.

En resposta ao nacionalista, Fernández Couto recoñeceu que nos montes conveniados todos os trámites para retirar a madeira queimada para vendela a bo prezo “son farragosos” mentres que nos non conveniados e particulares poden facer as poxas no mes de decembro. Os montes conveniados, explicou, fixeron a poxa no mes de febreiro e canto máis tempo pasa “a madeira queimada desprézase”, denunciou o nacionalista.

Ante esta situación reclamou proxectos a longo prazo e  con labores silvícolas para mitigar os problemas do monte convenidado que obriga aos propietarios a  recuperar  a totalidade do  monte queimado  en catro anos provocando que ante a perda de recursos económicos os propietarios abandonen un monte que en dez anos volverá a arder.

Asemade, Rivas reclamou á Xunta convenios cos compradores do sector da madeira para que “a saca” de madeira dos montes conveniados sexan ao mesmo prezo das poxas dos montes particulares

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG