Mini Rivas: “O PLADIGA presentado por Medio Rural é unha copia dos anteriores”

Pregunta pola situación dos traballadores e traballadoras de SEAGA, cando será publicado o decreto e que tipo de prazas e relación laboral establecerá a Xunta

Mini Rivas: “O PLADIGA presentado por Medio Rural é unha copia dos anteriores”

Tras a comparecencia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez para informar do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (PLADIGA), o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas criticou a falta de diálogo por parte da consellería co sector forestal. Na súa opinión, a xuntanza preceptiva para cubrir o expediente foi “unha anormalidade democrática”. Ademais,  denunciou que a consellería non ofreceu documentación previa á reunión do Consello forestal e imposibilitou  abrir un prazo para achegar propostas. Por outro lado, cualificou de “prepotente” ao  director xeral de Medio Rural, Tomas Fernández Couto que xustificou de maneira autoritaria: “O PLADIGA aprobase no Consello da Xunta e punto”.

Para o nacionalista, o lóxico e manter reunións de traballo co Consello Forestal para analizar os erros e deficiencias da temporada pasada e incluír no novo PLADIGA as medidas preventivas, en materia de franxas de protección, prevención e ordenación.

Esta situación, explicou Rivas, provocou que varias asociacións do  Consello forestal presentaran demandas  ante a falta de  documentación sobre a celebración dos Consellos forestais. Para o nacionalista, o proceder da consellería “perverte o funcionamento do Consello Forestal de Galiza como órgano consultivo”. Non debe ser o Pladiga un documento de estratexias e de medios de  prevención e de extinción? preguntou o deputado do BNG ao conselleiro.

 A mellor extinción, afirmou, é unha boa prevención, e unha boa prevención sería a coordinación e deseño da mesma por parte dos Distritos Forestais en colaboración coas Comunidades de montes e concellos para planificar  os traballos  de Prevención nos territorios.

Contempla este documento o establecemento de faixas de protección de superficies de monte en pastoreo, masas forestais de caducifolias ralentizadoras... algo que impediría o acontecido en Dodro-Rianxo hai un par de meses?

Dentro das liñas de prevención, asegurou, hai unha destinada á formación de equipos para que as Comunidades de Montes fagan silvicultura en serio, “unha  materia pendente no noso forestal” cando existen Comunidades con persoal cualificado e  maquinaria axeitada para ese labor.

Por certo, inquiriu o deputado do BNG ao conselleiro de Medio Rural,  ¿as franxas secundarias de protección son soamente para matogueira e especies forestais pirófitas ou para todo vexetal que as ocupe, sexan froiteiras, salgueiros ou carballos? Porque, se está cortando a eito, advertiu.

Entran tamén as autovías, autoestradas e viáis en xeral, incluído o ferrocarril de vía estreita?

Van  180 millóns de euros de inversión pública para unha actividade que en corta non xera máis que 240 millóns de euros. Estamos ante o  “absurdo de sempre”, coa ausencia de  políticas forestais  combinadas para o  aproveitamento multifuncional do monte.

Nas parroquias de alta actividade incendiaria,  os lumes se repiten un ano si e outro tamén e deben ser investigadas as causas reais ou seguiremos gastando “sumas inxentes e os lumes seguiran aparecendo cando as condicións sexan favorables”.

Finalmente, o parlamentario do BNG preguntou sobre a incorporación dos traballadores de SEAGA ao SPDCIF e lembrou que na reunión do 9 de maio, o propio titular de Medio Rural e o xerente de Seaga aseguraron que o 80% dos traballadores e traballadoras serían asumidos pola  Xunta quedando pendentes para a convocatoria do ano 2020 todos os anotados este ano.

Cando vai a saír o decreto? Con que tipo de prazas  e que relación laboral terían os traballadores da Xunta? ( Indefinido descontinuo, fixo descontinuo). Unha vez modificado o decreto, será a convocatoria das oposicións de bombeiro forestal, para que os traballadores de SEAGA puntúen no concurso oposición?

Nos medios aéreos, nos helicópteros, segue sen resolver  a potencia ascensional, “tan importante en lumes con ventos”. Da base de Vilanova de Valdeorras, sabemos algo? Concluíu.