parlamento galego

Mini Rivas enmarca a vacinación da alcaldesa de Boimorto no “caciquismo decimonónico que alimenta o PP”

Mini Rivas
Mini Rivas
O deputado nacionalista censura o caso e cuestiona con irónica dureza se falsos xerocultoras e xerocultores e xerentes van seguir saltando o protocolo da vacina   

O deputado nacionalista, Mini Rivas, encadrou a vacinación da alcaldesa de Boimorto no “caciquismo decimonónico que alimenta o PP”, logo de criticar con ironía durante a sesión plenaria da Cámara galega as explicacións achegadas polo conselleiro de Sanidade para xustificar a subministración da vacina á rexedora popular. 

Ante a argumentación de que a alcaldesa acudía á residencia e por iso foi vacinada, Rivas recriminou: “A que ten que ir á residencia en tempos de pandemia e risco? Non son as súas funcións de control e xestión?”, reprochou para a continuación seguir cuestionando se “está no organigrama da residencia? Estaba incluída na lista que saíu da residencia para o Sergas?”.

Logo de relacionar ao detalle os continuos cambios de posición do PP en relación a este caso, Rivas reprochou ao titular de Sanidade que “o triste”, ao seu xuízo, é que “as visitas da señora alcaldesa á residencia e aos domicilios das veciñas e veciños -levar recados, alimentos ou remedios da farmacia- no coche do concello en lugar de enviar a traballadores e traballadoras municipais forma parte do caciquismo decimonónico que vostedes alimentan nunha agónica destrución das liberdades de todos nós”.

“Nada, non me deas grazas, xa mo terás en conta cando sexa oportuno”, satirizou para explicar cales son as prácticas ás que se refería e recalcar con este sinxelo exemplo que “cada vez que alguén vende como favor o que nos corresponde como dereito está violentando a nosa liberdade”. Neste sentido subliñou con rotundidade que a relación de dependencia ten que ver “co medo acumulado e co silencio debido”. “Son realidades dun país aferrollado pola corrupción, os sobresoldos, as mentiras continuadas, as vacinacións de privilexio e o medo; ese é o gran problema, o medo”, concluíu.  

Tras aludir aos casos de vacinación “saltándose o protocolo” da alcaldesa de Boimorto e a conselleira delegada de DomusVi e o seu irmán, o deputado nacionalista preguntou ironicamente ao conselleiro se tamén estaba vacinado. “Polo seu cargo vén sendo o xefe de persoal do Sergas, vostede vacinouse? -argumentou- Aproveite a oportunidade, hai que limpar cando vai aire; ese é o refrán preferido da xente adicta ao PP na Galiza profunda”.

Sobre as xustificacións arroxadas pola Xunta, Rivas rematou a súa intervención cuestionando se van seguir entrando nas listas de vacinación do Sergas “xefes de persoal, falsos xerocultores, xerentes,...”. “Xa sabe -afeou ao titular de Sanidade-, eses, os de sempre, os que fan que a democracia cadre ben co tempo en que estamos”. “Mañá é xoves, creo que de comadres”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG