Mini reclama á Xunta información e divulgación sobre como combater a praga do castiñeiro

Xosé Luís Rivas Mini
Xosé Luís Rivas Mini

Pide que se informe aos concellos das soltas de torymus, insecto que actúa como antídoto, “porque con seu misterio eu mesmo volvinme tarumba para saber se o fixeran no meu municipio”

Mini reclama á Xunta información e divulgación sobre como combater a praga do castiñeiro

O deputado pola Coruña e portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, demandou á Consellería de Medio Rural unha campaña de información e divulgación da praga do castiñeiro e das actuacións que se están levando a cabo para combatela, posto que a coñecida como “nesperiña do castiñeiro” está moi estendida por todo o territorio.

“Pódese facer peor, pero non con tanto silencio e misterio, e eu mesmo volvinme tarumba para saber se a Xunta ía facer algunha solta de insectos torymus na zona onde vivo”, denunciou Rivas, para reclamar ao Goberno do PP que informe aos concellos de onde se realizan as soltas deste insecto que actúa antídoto contra a praga pois é un depredador natural da vespa.

“O lóxico é que fagan charlas divulgativas de boas prácticas coa poda, lume, pesticidas e outras que se consideren oportunas para favorecer a instalación e permanencia de poboacións activas de torymus, para non contrarrestar o seu efecto, porque senón sabes que se levou a cabo unha solta, os produtores, a poboación residente fan fumigacións ou outras labores do seu traballo no rural que poden matar ao antídoto”, explicou Rivas na comisión parlamentaria.

Dentro desa aposta pola difusión e a información, o deputado do Bloque tamén propuxo que as consellerías de Medio Rural e de Educación colaborasen na elaboración dunha unidade didáctica adaptada as diversas idades, para explicar nas escolas en que consiste a praga do castiñeiro, como recoñecela e como combatela.

“A xente non sabe disto pese a que pode causar estragos no castiñeiro e é un problema serio”, recalcou, tras lembrar que “pertence a unha sociedade en extinción, pero na que desde o neno ao maior sabían o que pasaba no seu medio, os porqués e as solucións, por iso unha unidade didáctica para os centros de ensino é básica, porque ademais é un tema científico. Non á ocultación”, recalcou

Ademais de incidir na información e divulgación tanto á poboación como aos concellos, comunicando as soltas de torymus, o BNG defendeu na Cámara a realización dun estudo de expansión da praga neste ano para facer novas soltas do insecto-antídoto á maior brevidade. E facer a previsión de compra de suficientes exemplares de torymus.

Como a cantidade de unidades do depredador lanzada este ano foi a metade da prevista, segundo os datos da Xunta por falta de efectivos, Rivas propuxo usar os cartos non gastados en apoiar ao sector produtor da castaña. Todas as propostas do Bloque foron vetadas polo PP.