Parlamento Galego

Mini pide á Xunta que cofinancie a residencia da terceira idade de Boimorto

  • Demanda ao Goberno galego que sufrague a ampliación desta infraestrutura que ten 29 prazas a templo completo e 15 de centros de día
  • “Pedimos prazas concertadas e que cofinancie unha serie de servizos ás persoas maiores no rural como comedor, lavandería ou fisioterapia”

O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que demanda que a Xunta se implique e aporte financiamento á residencia da terceira idade de Boimorto, tanto para sufragar os actuais gastos de funcionamento e servizos que se presta ás persoas maiores como para costear a necesaria ampliación desta infraestrutura municipal.

“Estamos falando dunha residencia nun concello do rural que presta unha serie de servizos e, desde o BNG, solicitamos que o Goberno galego axude a sufragalos porque a residencia non é autosuficente, por iso pedimos prazas concertadas, -como as que se lle dan as residencias privadas pero a esta pública se lle negan-, e recursos para financiar servizos como os de comedor, lavandería, podoloxía ou fisioterapia”, explica Rivas.

O deputado nacionalista, que tamén foi alcalde de Boimorto ata a moción de censura impulsada polo PP,  salienta que na residencia “comen algunhas persoas por un prezo moi módico recibindo unha alimentación equilibrada, ou da residencia saen comidas que van as casas con xente maior que non cociña, ou servizo para lavar a roupa por unha taxa moi baixa, ou atención de fisioterapia ou podoloxía para maiores de 60 anos”.

Rivas argumenta que este tipo de servizos “non é doado atopalos no rural pero son necesarios”, de aí que o concello os sufrague pese a non ser competencia municipal. “Ten que facelo porque as necesidades están aí e o que o BNG pide á Xunta é que bote unha man e que o mantemento da residencia non dea perdas a un concello cun orzamento moi limitado”.

As iniciativas presentadas polo Bloque no Parlamento piden ao Goberno que aporte financiamento a unha residencia que, a día de hoxe, ten 29 prazas a tempo completo e 15 como centro de día no rural coruñés, prestando servizo non só a Boimorto senón tamén a outros concellos da Comarca como Frades, Arzúa ou Vilasantar. “Nunca percibiu axuda algunha por parte da Xunta”, critica Rivas.

Ademais de contribuír aos gastos de funcionamento ordinarios, co financiar os servizos que se prestan desde a residencia e conceder prazas concertadas, o Bloque solicita do Executivo que asuma a necesaria ampliación da Residencia de Boimorto, prevista polo Goberno local.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG