Galegas 2020

Mini pide en Boiro un último esforzo para iniciar o cambio real en Galiza o 12 de xullo da man do BNG

Acto Boiro
Acto Boiro
O candidato do BNG pola provincia da Coruña, Xosé Luís Rivas pide aglutinar o voto no BNG para que Galiza recupere o pulo industrial, un monte vivo e multifuncional, servizos públicos de calidade e oportunidades para a mocidade  

Na recta final da campaña electoral, o candidato do BNG, Xosé Luís Rivas, (Mini) pide en Boiro concentrar todo o voto no BNG para que Galiza recupere o pulo industrial, sexan implementadas políticas de respecto ao medio ambiente e protección das rías, acadar un medio rural vivo e dinámico e contar con servizos públicos de calidade durante anos sometidos aos recortes e privatizacións do Partido popular.

O nacionalista lembrou que 11 anos de goberno Feixóo levou a Galiza “á irrelevancia política” sen reclamar unha soa nova competencia, cun mar cheo de sardiña que as cotas ridículas impide pescar e uns servizos públicos caracterizados polos recortes e privatizacións. Rivas afirmou que “un goberno do BNG na Xunta” dará a cara por todos os galegos e galegas e non abandonará os sectores produtivos. Temos grandes potencialidades, afirmou pero desgraciadamente aínda que o noso país é rico as decisión políticas do Partido popular están levándonos á miseria.

Tras enviar o apoio e solidariedade ás familias das persoas vítimas da COVID-19 asegurou que a crise económica que se albisca,non é só produto do virus, “é o resultado da ausencia dunha estratexia industrial e a indefensión política de Galiza nos foros onde se decide o noso futuro”. Da COVID-19 sacamos unha importante lección, necesitamos ao medio rural e no confinamento puidemos constatar que en Galiza non houbo falta de produtos. Tamén puidemos ver que as persoas que estiveron en primeira fila coidándonos eran na súa maioría mulleres precarias. As enfermeiras, as caixeiras dos supermercados, e toda esa xente cun comportamento exemplar que unha vez máis deu mostra da súa entrega e solidariedade. O único galego que non foi solidario chámase Alberto Núñez Feixóo que nos ofreceu durante toda a pandemia,  unha homilía diaria retransmitida pola televisión que pagamos todos os galegos e galegas e que parece que só lle pertence a el e ao Partido popular polo uso “obsceno” que fan dun medio de comunicación público. Agora que hai un problema co rebrote do virus na Mariña, sen embargo, non comparece nin da explicacións, “ese é o talante de Feixóo” agocharse cando as cousas non van ben.

O BNG, recalcou Mini, non se agocha nunca, non precisa que o veña a reforzar “a brigada especial de paracaidistas de Madrid”, o BNG non é sucursal de ningunha forza estatal porque somos galegos e galegas e temos un proxecto de país dende aquí e para aquí. Para votar ao BNG non é preciso ser nacionalista, só é necesario crer nun cambio e en políticas que defendan a nosa enerxía e por iso impulsaremos “unha tarifa eléctrica para que se beneficien as familias e as empresas”, no BNG defendemos o tecido industrial que move este país e que o PP está desmantelando de Norte a Sur. No BNG cremos nunha sanidade pública universal e nun ensino público con igualdade de oportunidades para os nosos rapaces e rapazas, cremos nun país no que as mulleres poidan camiñar con liberdade e sen medo, na que a mocidade non teña que emigrar para iniciar o seu proxecto de vida. No BNG queremos impulsar a innovación e a investigación e que o talento non siga marchando para fóra.

Mini, tamén aludiu na súa intervención a necesidade de impulsar os produtos de  horta e unha política forestal que non beneficie só aos intereses de ENCE. O medio rural debe fixar poboación con traballo digno e servizos para deixar de ser “cidadanía de segunda”.

 Finalmente, o candidato do BNG afirmou que “ninguén nos vai roubar o soño de que outra Galiza é posible”, unha Galiza, afirmou, “cun goberno liderado por unha muller nacionalista e feminista. Esa muller é a candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón”.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG