Mini alerta da captación de terras agrarias para plantacións encubertas de eucalipto en beneficio de ENCE

Mini Rivas
Mini Rivas

Acusa ao Partido popular de impulsar un modelo centrado na intensividade, o deserto agrario e máis produción de eucalipto

Mini alerta da captación de terras agrarias para plantacións encubertas de eucalipto en beneficio de ENCE

Tras a comparecencia do conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez para explicar as previsións do seu departamento,  o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou que o actual modelo do Partido popular centrase nun modelo intensivo, de gran  impacto ambiental e máis  “máis eucalipto”. O abandono do rural, dixo, é notorio e para mostra as 7.600  explotacións leiteiras das que moi poucas dispoñen de base territorial suficiente para seren sostibles.

O deputado criticou que o leite galego sexa entregado a multinacionais para a súa transformación e o pouco que queda do sector lácteo, ao albur destaS empresas. O Partido popular “nunca apostou polo sector transformador”,  lonxe de diversificar, avoga polo “monocultivo” sobre o que unha vez máis “manda ENCE”. Neste sentido afirmou que a pasteira aspira a converter Galiza nunha grande plantación de eucaliptos. Pero, a principal riqueza de Galiza, explicou o nacionalista, sigue residindo na “fertilidade do seu chan, no clima e na forza de traballo e adaptación da súa xente”.

MODELO INTENSIVO, IMPACTO MEDIOAMBIENTAL, DESERTO AGRARIO E MÁIS EUCALIPTO

Xosé Luís Rivas salientou que o medio rural galego continúa na senda da despoboación, o avellentamento e abandono das actividades agrarias polas política erráticas do Partido popular. Toda a riqueza agraria e gandeira, foi desmantelada en favor dunha política forestal que supera, con creces, as 300 mil hectáreas. “ O rural galego foi desmantelado para darllo a catro mangantes”, sentenciou o deputado do BNG.

Na súa intervención o parlamentario preguntou ao conselleiro  cantos concellos están  a mudar o uso de terras  para destinalas a  plantacións encubertas de eucalipto, “unha propaganda electoral moi valiosa para o Partido popular”. Lonxe de diversificar e seguir as pautas que marca o país, o PP aposta polo monocultivo como conplemento ás “ridículas pensións agrarias” e un acaparamento de terra agraria e un  monte sen planificación   a pesar da súa  grande riqueza. Neste sentido, lembrou que a ordenación do monte foi abordada polo Bloque Nacionalista galego co  ex-conselleiro Alfredo Suárez Canal durante o goberno bipartito, unha planificación, dixo Rivas, que o Partido popular botou abaixo á súa chegada á Xunta. O PP,  “non ten proxecto de país e ENCE ten outro destino para este espazo”.

Finalmente, o  deputado interpelou ao conselleiro sobre axudas polos danos ocasionados polo o porco bravo, a  praga do  nematodos, e os  Polígonos Agrarios gandeiros e forestais sobre os que o titular de Medio Ambiente non se pronunciou. É necesario recuperar a base territorial, tanto para horta como para gando en extensivo ademais de  terra para a produción e a soberanía alimentaria, concluíu o deputado do BNG.