A militancia do BNG dá luz verde a unha candidatura conxunta ás Europeas con EH-Bildu e Esquerra

asemblea
asemblea

O Consello Nacional, máximo órgano entre asembleas, referendará esta decisión das bases na reunión deste sábado en Santiago de Compostela

A militancia do BNG dá luz verde a unha candidatura conxunta ás Europeas con EH-Bildu e Esquerra

A militancia do BNG apoiou por unha ampla maioría superior ao 90% a proposta de concorrer ás eleccións europeas do 26 de maio de 2019 nunha candidatura conxunta con EH-Bildu e con Esquerra Republicana de Catalunya. Tras un proceso de debate e votación en asembleas locais por todo o país, as bases do Bloque deron luz verde á proposta da Executiva Nacional de coalición electoral con forzas soberanistas das tres nacións sen estado: Galiza, Euskadi e Catalunya.

Tras a decisión da militancia, este sábado o Consello Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, asumirá e ratificará a opinión manifestada polas bases.

Como explicaba a dirección do BNG na proposta de resolución remitida á militancia, trátase dunha coalición de carácter instrumental, polo que o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con [email protected] [email protected] en función exclusiva dos intereses de Galiza.

Ademais, recolle as bases políticas que fundamentan a candidatura impulsada polo BNG: Defensa de Galiza como nación, do dereito de pobo galego a decidir libremente o seu futuro e da súa soberanía política, defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra.

Igualmente, combate do modelo ultraliberal da Unión Europea e defensa dos principios democráticos, da soberanía e independencia dos pobos, da paz, dos dereitos humanos e dereitos fundamentais, da igualdade, da xustiza e da cooperación entre os pobos en pé de igualdade.

A dirección do Bloque destaca que, tendo en conta a circunscrición electoral estatal, está candidatura conxunta representa unha garantía real de defensa do pobo galego na Eurocámara sen condicionamentos alleos. Ademais, a alianza con forzas políticas vascas e catalás é unha aposta estratéxica para o nacionalismo galego desde hai case un século, que vai moito máis aló da conxuntura electoral e, partindo dunha boa valoración dos resultados e do funcionamento da coalición Os pobos deciden dos comicios europeos de 2014, o BNG aposta agora por impulsar unha alianza máis ampla, das tres nacións.