Miles de nenas e nenos en Galiza non teñen atención pediátrica por culpa dos recortes do PP

Montse Prado
Montse Prado
Prado denunciou a situación de preto de 200 concellos en Galiza que non contan cun só pediatra, con comarcas enteiras sen atención ás nenas e nenos, aos que só se atende mediante o servizo de urxencias

O BNG denunciou no Parlamento o colapso da atención pediátrica en Galiza con axendas sobrecargadas e retrasos nas revisións periódicas, a vacinación das nenas e nenos e o aprazamento constante das citas médicas.

“O PP está poñendo continuamente en risco a saúde e a vida das nenas e nenos galegos”, criticou a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado. En alusión ás declaracións da xerente do Sergas nun medio de comunicación, Prado defendeu a postura do BNG, “que non tolera que non haxa pediatras nos centros de saúde nin o acepta, nin imos quedarmos caladas nin quietas vendo como privatizan para as nosas crianzas un dereito fundamental”, argumentou.

A parlamentaria nacionalista denunciou a estratexia dun Executivo do PP que aplica os recortes na sanidade pública para degradar progresivamente o seu servizo “e forzar aos pais e nais a acudir á sanidade privada”, xa que os recortes do PP “provocan o colapso, incluso, dos servizos de urxencias e de Atención Primaria”. De feito, mencionou o “desborde” das urxencias do Álvaro Cunqueiro, en Vigo, e do CHUS compostelán.

A deputada do BNG defendeu un modelo de sanidade pública “onde as crianzas vexan garantido o seu dereito á asistencia” e criticou que o Goberno dos Populares derive a especialistas en medicina de Familia e Comunitaria á atención pediátrica, “cando un especialista en Pediatría precisa de 4 anos de especialización para poder atender de xeito excelente a unha infancia que merece ser coidada”. Unha situación “que de non remediarse, empeorará coa elevadísima cifra de xubilacións previstas nos servizos de pediatría nos vindeiros anos”, avisou.

Unha infancia con casos concretos, como o de Izía, de Sanxenxo, “sen pediatra. No centro de saúde de 2 pediatras que tiña que haber, no hai ningunha. Unha está xubilada, sen substituír, outra con baixa maternal, tampouco sen reemprazo”, contou a parlamentaria do Bloque. Mencionou tamén o caso de  Alan, “un neno de 3 meses e medio do concello de O Grove. Desde que naceu nunca tivo pediatra, os seus pais procuraron atención  por varios PAC que non tiñan persoal médico, tiveron que acudir ás urxencias do hospital de Pontevedra, sen sitio na sala de agarda, dende hai dúas horas está ingresado no Chus para intervención cirúrxica”, relatou.

Prado emprazou ao PP a presentar, no máximo de tres meses, un informe no Parlamento no que conste o número de pediatras da Atención Primaria galega en exercicio, os centros de saúde que non contan con atención pediátrica e o número de nenas e nenos que non teñen asignado pediatra e a previsión de xubilación de profesionais de pediatría en Atención Primaria nos vindeiros cinco anos. Compromisos que o Executivo do PP negouse a aclarar. 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG