Parlamento Galego

Mercedes Queixas pide a condición BIC para a casa Cornide e impedir que os Franco vendan o inmoble

A nacionalista,  Mercedes Queixas demanda un inventario dos fondos e documentos de valor para asegurar a súa conservación e devolución ao pobo galego

A deputada do BNG, Mercedes Queixas defendeu hoxe unha proposta no Parlamento galego para reclamar  a condición BIC da Casa Cornide e impedir que a inmobiliaria contratada pola familia Franco poña prezo  a venda do inmoble en internet. O PP anunciou o seu voto favorable á iniciativa nacionalista.

Na súa intervención, Queixas instou ao goberno a iniciar “coa maior urxencia” todas as medidas para incoar o expediente que catalogue a Casa Cornide como  Ben de Interese cultural, (BIC) e elaborar “un inventario de todos os fondos, obxectos e documentos de valor patrimonial para asegurar a súa conservación e restitución ao pobo galego.”

A Casa Cornide, situada na Rúa das Donas, no corazón histórico da Cidade Alta da Coruña, explicou a deputada, trae ao noso presente a memoria da familia Cornide e do seu ilustre membro, o polígrafo coruñés, José Cornide, xeógrafo, naturalista e humanista. Foi doada pola familia ao Concello da Coruña para funcionar como escola e a principios do século XIX instalouse no pazo a sede do Concello da Coruña pero  durante a ditadura, a Administración local sacouna a unha poxa pública, “previamente amañada”, que foi gañada por Pedro Barrié de la Maza, para ser inmediatamente agasallada a Carmen Polo, dona de Franco.

A deputada do BNG salientou que tanto a Casa Cornide como o Pazo de Meirás,  “son dúas caras do mesmo espolio tirano da familia Franco”, unha operación de Estado que precisamos reverter porque é unha cuestión de decencia, sentenciou.

Queixas insistiu na necesidade de  dar pasos adiante para repara a “verdade, a xustiza e a dignidade” poñendo en marcha, desde as administracións, os procedementos para que tamén a Casa Cornide “sexa recuperada para o ben común”,  liña defendida na proposta do  BNG debatida hoxe na comisión de Cultura no Parlamento galego.

Voto favorable do PP  á iniciativa nacionalista

Tras a intervención do portavoz popular, Alberto Pazos Couñago anunciando o voto favorable á iniciativa nacionalista, e afirmando que A Coruña terá un aliado na Xunta parar materializar a condición BIC da Casa Cornide e a devolución ao seu lexitimo propietario, o pobo galego, a nacionalista  agradeceu o apoio dos grupos parlamentarios  e recalcou  que a Casa Cornide “foi do Pobo e debe voltar ao Pobo” e este é o único camiño para pechar a porta da historia dun espolio que sostivo o entramado fascista ao longo de demasiadas décadas”.

Queixas cualificou de boa nova renovar todos os consensos e unanimidades para escribir o punto final do franquismo en todas as súas dimensións e parafraseando a Manuel Rivas afirmou que é fundamental “romper coa corrupción para practicar a corruptura”. Trátase dixo, dun imprescindible movemento de decencia, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG