Medio Rural responde ao BNG que delega o seguimento dos acordos do leite no Ministerio

A deputada do BNG, Tereixa Paz preguntou na comisión de Agricultura polos acordos adoptados para afrontar a crise do sector leiteiro e a incidencia dos prezos e custes de produción que volven a ser motivo de protesta dos produtor@s galegos

Tereixa Paz

 A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz, tras escoitar a recen nomeada directora xeral de Medio Rural, afirmou que observaba poucos cambios na liña argumental a respecto da súa predecesora. Neste sentido, manifestou que o Goberno galego segue “responsabilizando da situación aos propios produtores” tanto, de maneira individual como colectiva. A deputada criticou o argumento esgrimido polo PP sobre “a eficiencia” porque as explotacións galegas, dixo, “xa non poden tirar máis da goma aforrando custes para facerse máis suficientes cos instrumentos cos que contan”.

Ademais, Tereixa Paz preguntou se todas as explotacións están nas mesmas condicións para afrontar “a eficiencia” tendo en conta a dispoñibilidade de terras agrarias que teñen para incrementar a súa base territorial. Cre vostede que as OPLs cos instrumentos que teñen na actualidade poden negociar os prezos para os seus produtores?.

O Goberno está preocupado pero non ocupado en resolver o problema

A nacionalista criticou o “nulo compromiso da Xunta co sector lácteo” do que dixo, “non é o mesmo estar preocupado que ocupado para resolver os problemas do sector”.

Tereixa Paz

Tereixa Paz manifestou a súa preocupación ante o anunciou da directora xeral de non crear unha comisión de seguimento dos acordos, coa participación de todos os axentes da cadea de valor do leite, baixo a escusa de que é o Ministerio o que debe velar pola garantía dos mesmos. Ante isto, dixo a deputada, non é de estrañar, que os gandeiros se poidan sentir “desamparados” e mesmo “estafados”. Se vostede cre que o leite é unha prioridade para o Ministerio e podemos delegar as competencias de Galiza en materia de gandería, “empezamos moi mal”. Nós precisamos un instrumento para controlar os acordos e facer propostas porque os que “nos xogamos o futuro do sector lácteo somos nós” e un país que representa o 40 por cento da produción láctea do Estado con máis do 52 por cento de produtores, o Goberno galego non pode dicir que delega no Ministerio o seguimento e mecanismos de control e mediación no sector lácteo.

A deputada concluíu preguntando se na consellería do Medio Rural pensan que o problema dos prezos do leite, da volatilidade dos mercados e da competencia internacional vai depender e resolverse cunha campaña publicitaria para que os galegos incrementemos o consumo do leite ou se se reparta máis leite nos colexios. Coas súas medidas vostedes son un “goberno naif”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG