Luís Bará: “A violencia machista é consecuencia da desigualdade consolidada polo patriarcado”

Luís Bará en Comisión
Luís Bará en Comisión

Pide crear unha unidade específica  contra a violencia de xénero na Dirección xeral de  Xustiza para que se cumpran as leis e os pactos parlamentarios neste ámbito

Luís Bará: “A violencia machista é consecuencia da desigualdade consolidada polo patriarcado”

O deputado pola provincia de  Pontevedra, Luís Bará defendeu hoxe unha proposta para crear unha “unidade especifica”, dependente da Dirección Xeral de Xustiza, destinada a “facer cumprir as leis e os acordos parlamentarios  contra a violencia de Xénero”.

Para o deputado, “ a violencia machista é consecuencia da desigualdade” e cada ano máis de 5.000 mulleres acoden ao xulgados galegos para denunciar pero estimase, afirmou, que só “un 20% dos casos chegan aos xulgados” polo tanto,  “estamos ante unha realidade invisible” que non é reflectida polas estatísticas. A violencia contra as mulleres é “terrorismo machista” e non podemos esquecer a gran loita do feminismo, ao longo da historia, contra todo tipo de discriminación de xénero, lembrou.

Bará demandou situar a violencia machista  como “un problema de Estado” e darlle un impulso e unha resposta institucional para que se cumpran as leis, polo que reclamou, entre outros obxectivos: modificar a lei e incluír nela o delito de feminicidio así como estender todas as formas de violencia de xénero e non circunscribila exclusivamente na parella.

O nacionalista lembrou que existe un pacto de Estado pero adoece de falta de medios e medidas e por iso, remarcou, é necesario avanzar. Nesta liña, o BNG propón no marco legal e no ámbito da xustiza: “Crear unha unidade específica contra a violencia machista na Dirección xeral de Xustiza, nun prazo de seis meses”, para facer cumprir as medidas recollidas nas leis e os acordos parlamentarios a nivel galego e do Estado.

Asemade, o deputado demandou  impulsar os xulgados específicos de violencia machista en todas as cidades, garantir a formación en violencia de xénero de todo o persoal que intervén no proceso xudicial, incluídos os equipos  forense e psicosocial, evitar a “violencia institucional “ para que as mulleres non se vexan sometidas a “ese calvario” de declaracións sucesivas, dotar os edificios xudiciais de espazos separados que impidan o contacto entre vítima e agresor, dotar de medidas de protección e asesoramento así como de apoio emocional e acompañamento ás vítimas. Por outra parte, o  IMELGA, engadiu, ademais das exploracións das vítimas  debe avaliar    o “risco” do agresor para establecer medidas de protección e dotar aos servizos de garda dos xulgados de persoal especializado para atender este tipo de denuncias.

Trala intervención da portavoz do Partido popular, Paula Prado anunciando unha transacción ao texto nacionalista para suprimir a creación da  “unidade específica”   que reclamaba o BNG, Bará  replicou que esta unidade cumpriría un importante  cometido, ser  “un mecanismo para impulsar todas as medidas legais que non se están a cumprir”.

Para o deputado do BNG  a transacción do Partido popular pretendía eliminar o punto principal da proposta nacionalista polo que non aceptou o novo texto e mantivo a iniciativa na súa totalidade. A Proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo grupo maioritario do PP imposibilitando que prosperara.