Galegas 2020

Luís Bará: “O tesouro de Rande está na súa natureza e o seu patrimonio”

Rande
Rande

O cabeza de lista do BNG aposta por potenciar Rande e a enseada de San Simón como un polo de atracción e divulgación

Asegura que unha das primeiras medidas do Bloque no goberno será a destitución de López Veiga como presidente da Autoridade Portuaria por ser un “depredador do litoral”

O BNG quere iniciar un novo proceso de respecto, conservación e protección de todo o patrimonio da ría de Vigo e nomeadamente da Enseada de San Simón. Así o indicou hoxe o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, nunha visita ao concello de Redondela, onde estivo acompañado pola tamén candidata Jessica García Cruz e o portavoz municipal Xoán Carlos González, na que expuxo as iniciativas para a zona.

Segundo destacou Bará, a aposta do BNG é converter o núcleo histórico e arqueolóxico de Rande nun auténtico foco de dinamización, divulgación e promoción da cultura e da natureza da zona, xa que segundo dixo, “o tesouro de Rande está na súa natureza e no seu patrimonio”. Destacou que o lugar ten moitísimo valor ambiental, xa que está declarado Rede Natura, e que ademais conta moitos valores e recursos patrimoniais, especialmente na zona de Rande, onde está o Museo Meirande, sobre a batalla de Rande e a historia do lugar.

Lembrou, así mesmo, que na área están os restos dunha fortificación defensiva do estreito, e que hai tamén exemplos moi interesantes de patrimonio industrial que a Autoridade Portuaria de Vigo quere eliminar, concretamente o cargadoiro do mineral, unha estrutura de ferro que está preto da ponte. Neste sentido, e para reverter danos realizados e evitar novas actuacións daniñas para o territorio, Bará anunciou que unha das primeiras medidas do goberno do BNG na Xunta será a destitución de Enrique López Veiga como presidente da Autoridade Portuaria “porque é un auténtico depredador do litoral e da costa, do patrimonio histórico e tamén dos valores naturais da zona”.

Para o BNG, insistiu o cabeza de cartel, é fundamental que o binomio de patrimonio natural e patrimonio histórico-cultural estea coidado, protexido, conservado e dinamizado. Explicou que para acadar ese obxectivo a forza nacionalista desenvolverá dende o novo goberno da Xunta un plan de posta en valor para o que están previstas dúas ferramentas económicas para levalo adiante. Bará citou por un lado o Fondo Cultural Galego, que serviría para aportar recursos económicos para a recuperación do patrimonio histórico e cultural. Por outro lado, apuntou a posta en marcha do Fondo de Conservación da Natureza, que serviría para impulsar proxectos de recuperación de espazos naturais.

Bará destacou a necesidade dun cambio de modelo e dun xiro radical no modelo da Xunta en relación ao patrimonio e á natureza. Destacou que é tempo de poñer en marcha un cambio galego que só poderá chegar da man do BNG de Ana Pontón, e salientou que para acadalo é preciso que todas as persoas que están insatisfeitas co acontecido nos últimos once anos vaian votar o vindeiro 12X. “É fundamental non quedar na casa e concentrar o voto galeguista no BNG. A abstención e todo o demais serán votos para o Partido Popular –dixo-. E nós e unha maioría social queremos ao PP confinado na oposición”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG