parlamento galego

Luís Bará: “Será un goberno galego liderado polo BNG quen culmine a tarefa de termos unha AP-9 galega e libre de peaxe”

Luís Bará
Luís Bará

Lembra que PP e PSOE “traizoaron a Galiza e ao Parlamento galego” cando vetaron en Madrid a tramitación da iniciativa para o traspaso da autoestrada

O BNG apoia unha nova proposición non de lei para tramitar no Congreso que a AP-9 sexa transferida: será o cuarto intento tras os vetos de 2016, 2017 e 2021  

O BNG votou hoxe a favor da proposición de lei, para remitir ao Congreso dos Deputados, na que se solicita a transferencia da titularidade e competencias da autoestrada AP-9 a Galiza, unha reclamación que, segundo lembrou o deputado Luís Bará, sempre tivo no Bloque Nacionalista o seu principal valedor e primeiro impulsor.

“O BNG non vai dar un paso atrás. Xa conseguimos que se avanzase coa rebaixa das peaxes e será un goberno galego liderado polo BNG quen culmine a tarefa de termos unha AP-9 galega e libre de peaxes”, asegurou ao remate dunha intervención na que garantiu que, ao contrario do que fan PP e PSOE, “o BNG votou, vota e votará no País o mesmo que en Madrid”.

Luís Bará amosou o respaldo do BNG a transferencia pero asegurou tamén que esta debe ser “un primeiro paso”, pois despois terá que producirse a anulación da prórroga de 25 anos aprobada polo PP e o rescate da infraestrutura. “É de xustiza”, dixo, lembrando que outras autoestradas do Estado inauguradas na mesma época que a AP-9, como a AP-7 (Alacante-Tarragona) ou a que vai de Burgos a Zaragoza xa foron rescatadas.

Subliñou, neste sentido, o procedemento de investigación aberto pola Comisión Europea que pode concluír que houbo irregularidades na prórroga por 25 anos da autoestrada, polo que esta podería ser anulada.  

O deputado nacionalista censurou o exercicio de “camuflaxe política” do PP, que agora “intenta apropiarse” das iniciativas do BNG sobre a AP-9 nun intento de “borrar ou falsificar a historia”. Lembrou así os “antecedentes” que preceden á iniciativa debatida neste pleno: o PP foi o responsable da “venda a prezo de saldo” da autoestrada “para que fixesen negocio grandes fondos de investimento; o PP foi responsable da ampliación da concesión durante 25 anos e da suba dos peaxes; e o PP vetou no Congreso a transferencia a Galiza.

Agora, ironizou, o PP critica a rebaixa histórica de peaxes conseguida polo BNG no acordo de investidura, incluso os da AP-53, cando cos populares os prezos subiron un 40 % entre 2011 e 2018, subliñou.

Para Bará, o PP ten tamén neste asunto “credibilidade cero” pois agora pide a transferencia cando, lembrou, “no 2017 o ministro Íñigo de la Senra, de ganchete con Feijóo, veu aquí a dicirnos que a AP-9 non se podía traspasar porque case se desmantelaba o Estado”. “Levan catorce anos de goberno, e sete deles estiveron tamén no Goberno do Estado, e foron incapaces de conseguir nin unha soa transferencia”, manifestou.

Bará criticou tamén o papel neste asunto do PSOE, pois se “intercambia o papel” co PP cando lle toca gobernar no Estado e así, no 2021, foron os socialistas o que “puxeron paos nas rodas”, pedindo cambios na iniciativa e ata 17 prórrogas até que a iniciativa do Parlamento de Galiza pedindo a transferencia acabou tamén decaendo. “Populares e socialistas traizoaron a Galiza e traizoaron os acordos do noso Parlamento”, sostivo, polo que insistiu en que o traspaso só será posible “cando Galiza teña un goberno decente, cunha presidenta sen ataduras”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG