Galegas 2024

Luís Bará garante que un goberno do BNG na Xunta potenciará A Estrada como capital comercial e de servizos na comarca

Acto A Estrada
Acto A Estrada

Mellorar a rede viaria autonómica, dotar de prazas de residencias e centros de día e recuperar a Torre e o Pazo de Guimarei, entre os compromisos da formación nacionalista

O cabeza de cartel fai unha chamada á mobilización e a concentrar no BNG o voto inconformista como única maneira para sacar ao PP do goberno galego

O líder do BNG na provincia de cara ás eleccións galegas, Luís Bará, fixo hoxe na Estrada un chamamento á participación masiva o 18F da xente que quere abrir un tempo novo cun cambio no goberno da Xunta asegurando que só será posible se o voto inconformista acude ás urnas coa papeleta do BNG. “Da igual que o que votaran noutras ocasións, ou como é a súa maneira de sentirse galegas e galegos. Se todas as persoas que queren unha Galiza mellor votan Bloque, haberá cambio”, sentenciou.

O cabeza de cartel afirmou que a formación nacionalista “ten proxecto de goberno para devolver a esperanza a Galiza”. Destacou que fará realidade dende a Xunta de Galiza propostas para mellorar a vida da xente tanto no relativo a servizos sociais como poñendo o país a producir, mellorando a economía e xerando emprego desenvolvendo cadeas de valor.

En chave local, Bará asegurou que o BNG potenciará a función da Estrada como capital comercial e de servizos da comarca. Destacou que a Xunta debe impulsar o músculo do comercio de proximidade e fortalecer a súa posición competitiva e frear a perda de tecido, xa que considera que é chave para dinamizar os centros urbanos e os barrios, para crear emprego e tamén para que os beneficios queden no país e se reinvistan no territorio.

O nacionalista asegurou, así mesmo, que o Bloque na Xunta mellorará a rede viaria autonómica e a seguranza viaria, principalmente solucionando as deficiencias da PO-213 e da PO-340. Lembrou neste sentido, o acceso ao centro de saúde reclamado de maneira constante no Parlamento e sen atención por parte do Partido Popular. Tamén garantiu que se pedirá a conexión coa AP53 que leva parada 15 anos. “Ese é un exemplo da parálise do PP”, subliñou.

Outro dos eixos a destacar, apuntou Bará, é xerar valor engadido nos sectores produtivos, lembrando a falta de pulo á ‘Cidade do Moble’ da Estrada. Destacou que Galiza xera o 50% das cortas de madeira de todo o estado pero só se beneficia do 13% do emprego, polo que subliñou que hai que promover e potenciar o valor engadido na cadea monte industria, apostando pola transformación da madeira para o seu uso en mobles, construción e a fabricación de compoñentes. “Algo falla, hai que dar a volta a esta situación”, enfatizou.

No ámbito dos servizos, o candidato garantiu prazas de residencias públicas e de centros de día no concello, “co fin de atender as persoas maiores como merecen e non de maneira mercantil”. Tamén salientou a mellora de centros de ensino, a inxección de 200 millóns de euros para un plan de choque na Atención Primaria para atender “o corazón da sanidade”, e máis fondos públicos para o SAF.

Finalmente, falou Bará do compromiso do BNG coa recuperación do patrimonio na zona, e destacou que se inxectarán fondos no orzamento para devolver a Torre e o Pazo de Guimarei a todas e todos os estradenses, facendo que sexa público.

O nacionalista destacou que todas estas cuestións poderán ser realidade a partir do 18F se todas as persoas que están fartas coa maneira de gobernar do Partido Popular se mobilizan e concentran na papeleta do BNG as ganas de cambio. “No BNG collen todas as persoas que queren a Galiza”, dixo.

Aires renovados

A candidata Ariadna Fernández, pola súa banda, asegurou que tras o 18F con Ana Pontón na presidencia da Xunta “deixaremos de respirar este ambiente da Galiza que anda lenta, que non avanza, que se deixa menosprezar... para volver con aires renovados, con aires de ilusión por unha Galiza que esperta tras todos os anos de abandono, unha nova Galiza que está desexosa de nos ofrecer o que ten, que ben sabedes que é moito e que nos levará lonxe”.

Lembrou Fernández o listado de agravios da Xunta do PP co Deza-Tabeirós: ambulancias que tardan máis de media hora nunha urxencia, falta de prazas públicas nas residencias, agardas no servizo de axuda no fogar por meses habendo persoal dispoñible, falta de pediatras e médicos, falta de garderías, falta de acceso a vivenda pública, falta de apoio ao sector agrogandeiro ou espolio dos eólicos, entre outros. Por iso, dixo “, temos que aproveitar o domingo 18 e transformar o que desexamos en votos para dicirlle basta ás políticas do PP que non trouxeron máis que atraso e faltas de respecto polo noso pobo e pola nosa xente dende fai moitos anos”.

Finalmente, o portavoz municipal Xoán Reices avogou por un BNG na Xunta para que os concellos teñan un financiamento xusto “e que non se perdan os cartos polo camiño”, e para que a mocidade non teña que marchar de Galiza nin do rural, nin para estudar, nin para vivir, nin para traballar, e lembrou o plan do BNG para que se rehabiliten e que se constrúa máis vivenda pública. “Queremos un rural vivo. Un rural cos mesmos servizos que as cidades. Nin máis, nin menos. Con oportunidades para vivir e para traballar”, sentenciou.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG