parlamento galego

Luís Bará: “Galiza non vai pagar dúas veces o Pazo de Meirás, teñen que pagar os Franco por todo o que roubaron”

Luís Bará
Luís Bará
Tilda de franquista a sentenza que obriga a indemnizar a familia Franco  e cualifica de “lamentable “ que a Xunta e o conselleiro de Cultura asuman, sen ambaxes,  que hai que pagar

En opinión do  deputado do BNG, Luís Bará  a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que recoñece o dereito dos herdeiros do ditador a seren indemnizados  polos gastos do Pazo de Meirás  dende  o ano 75, despide un “insoportable tufo franquista” e advirte que “Galiza non pagará dúas veces o Pazo de Meirás, teñen que pagar aos Franco por todo o que roubaron”.

O nacionalista considera que a sentenza fai unha valoración dos feitos  “favorable e a beneficio dos Franco” ao constatar unha doazón a Francisco Franco e non ao Xefe do Estado, cando “isto é falso”. Tampouco acredita a  “mala fe posesoria de Franco” e afirma a “boa fe” dos seus herdeiros o que implica a liquidación dos gastos dende o ano 75 e non dende 2018 cando foron declarados herdeiros. Polo tanto, esta circunstancia tamén é unha “interpretación favorable aos intereses da familia Franco”.

Dende o BNG, afirma o deputado, entendemos que a sentenza é unha peza máis dun proceso que busca “lexitimar e branquear o franquismo” e beneficiar a familia do ditador  despois do espolio e rapina continuada durante décadas de  franquismo  e  despois do ano 1975 coa venda de propiedades e bens adquiridos de maneira irregular.

O BNG exixe responsabilidades a todos os poderes do Estado que dende o ano 1975 favoreceron e protexeron os intereses dos Franco, comezando co Rei Juan Carlos I.

Lamentable papel da Xunta

Bará tildou de lamentable o papel da Xunta de Galiza e as declaracións do  conselleiro de Cultura, Román Rodríguez nas que priorizaba a devolución do Pazo de Meirás e asumindo que hai que indemnizar a familia. Neste sentido, o deputado do BNG reitera que “Galiza non vai pagar dúas veces, quen deben pagar son os Franco por todo o que roubaron”. Por outra banda, considerou que a argumentación da Xunta e do titular de Cultura poden incidir negativamente noutros bens espoliados como a Casa Cornide ou esculturas do Mestre Mateo.

Bará anunciou que o BNG rexistrará unha iniciativa para demandar da Xunta a presentación de recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial e unha investigación exhaustiva sobre todos os bens espoliados e as persoas que se beneficiaron nesta “trama corrupta” así como  estuar todas as vía para a devolución aos seus lexítimos propietarios. Temos que rematar, dunha vez por todas coa “impunidade e latrocinio continuado do franquismo e os seus herdeiros”.

É o momento de respectar a memoria e legado  das vítimas  e a súa reparación, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG