Luís Bará denuncia o fracaso da Xunta en materia de xestión de augas: “deixan un balance marrón”

Luís Bará
Luís Bará

Como exemplos: as rías en situación de emerxencia, non hai plan galego de saneamento, non hai solución os problemas de subministro en Vigo, non hai pacto local da auga, nin consello para uso sustentable da auga

Luís Bará denuncia o fracaso da Xunta en materia de xestión de augas: “deixan un balance marrón”

O portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, cualificou de fracaso a xestión da Xunta no ciclo integral da auga a través dunha consellería de Medio Ambiente caracterizada por unha “parálise” que pretende agochar con propaganda.

“Parálise, desidia, desfeita”, foron os cualificativos empregados por Bará na súa réplica á intervención de Ethel Vázquez, e tamén puxo cor á balance da xestión do Goberno do PP nesta materia: “balance marrón ou negro, tendo en conta a calidade das augas das rías galegas, moi pouco azul, moi pouco verde e o moito marrón ou negro”.

O deputado por Pontevedra apelou á falta de execución orzamentaria, nun país non que tanto queda por facer en materia de xestión e depuración de augas.  “A execución orzamentaria en 2018 no capitulo de planificación e xestión hidrolóxica pasou de 38 a 25 millóns de euros, que se suman aos cerca de 200 M€ que deixaron sen executar nos últimos anos”, explicou.

E para tapar esa parálise, dixo, “bota man da propaganda como demostra que  acaban de adxudicar un contrato de 3 M€ de aquí a finais de lexislatura para facer a propaganda dos tres pés que ten a súa consellería, augas, seguridade viaria e mobilidade, aos que lles hai que sumar un plan estratéxico de elaboración de contidos e medios, e outro para elaborar vídeos e infografías por 102.000 euros. Xa lle vai dar par un par de vídeos propagandísticos que é o seu principal obxectivo e prioridade”, ironizou.

Entre as cuestións pendentes, Bará sinalou o Plan Galego de Abastecemento e Saneamento previsto na lei, “onde está ese plan,  cando o van facer?”, interpelou á Vázquez tras salientar que a Xunta ten competencias en materia de depuración de augas residuais urbanas, “pero non fixeron a planificación necesaria como di a lei”.

Igualmente, falta por crear o Consello para uso sustentable da auga, órgano fundamental para informar toda a planificación da xestión da auga, e tamén reprochou a ausencia do anunciado Pacto local da auga, pese ao acordo do Parlamento de 2017.

Bará tamén fixo fincapé na situación das rías galegas que cualificou de “emerxencia”.

“Presumen de que investiron 1.100 millóns de euros atribuíndose como propios os investimentos do Estado e da UE e todo para ter  as rías convertidas en auténticos pozos negros, en situación de alerta vermella, en situación de emerxencia”, denunciou, poñendo como exemplos a Ría do Burgo, de Ferrol, de Pontevedra ou a de Arousa, cun informe “terrorífico” na Universidade de Vigo.

SOS nas rías galegas

“As rías están lanzando un auténtico SOS”, concluíu. De feito, o BNG propuxo que a Universidade de Vigo faga un estudo-auditoría de todas as rías galegas, despois de ler o que publicou esta institución en relación á de Arousa. “No caso da Ría de Pontevedra a depuradora non é máis que un parche”, recalcou, ao tempo que fixo referencia ao emisario que, como demostran diferentes vídeos,  bota “merda” á ría de Pontevedra.

Entre os debes da Consellería de Medio Ambiente en materia de xestión de augas, o problema do abastecemento de auga sobre todo en urbes como en Vigo.

“Levan anos peloteando con esa confrontación absurda sen darlle unha solución a esta cuestión con 400.000 habitantes afectados. No Plan Hidrolóxico de Galiza Costa hai máis de 20 millóns de euros e todo o que conseguiron foi asinar un acordo por 120.000 euros que tamén está na picota porque volven outra vez á confrontación”, explicou.

Bará tamén reclamou a transferencia das competencias da conca hidrográfica do Miño-Sil e concluíu recordándolle ao PP que perdeu “o plebiscito sobre a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra” que propuxo nas eleccións do 26M. “Perdérono porque nestes momento hai 15 concelleiros e concelleiras que están a favor de sacar a pasteira da ría e o próximo sábado haberá un alcalde do BNG pese a toda a chantaxe”, concluíu.