Galegas 2020

Luís Bará: “O BNG ten a Ana Pontón e un proxecto de goberno gañador listo para liderar un tempo novo para Galiza”

Comisión electoral Pontevedra
Comisión electoral Pontevedra

O cabeza de lista anunciou que “o cambio en Galiza é posible se hai unha grande mobilización e participación o 5A”

O Bloque centrará a súa campaña en activar o voto de cidades e vilas, da xente moza e das persoas descontentas

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as eleccións galegas, Luís Bará, deu hoxe o pistoletazo de saída cara ao 5 de abril asegurando que nos vindeiros 30 dias o Bloque realizará unha “campaña intensa, propositiva e á ofensiva” para demostrar que “o cambio en Galiza é posible e virá da man da mellor candidata, Ana Pontón, e dun proxecto de goberno gañador, de futuro, e listo para liderar un tempo novo, o do BNG”.

Bará destacou que o BNG percorrerá a provincia de Pontevedra e o país durante o vindeiro mes con toda a maquinaria de campaña “a tope”, con “enerxía e fortaleza” e “cunha organización que avanzou posicións” nos últimos tempos. Salientou que serán centos de persoas as que trasladarán á cidadanía todas as propostas de actuación do BNG para construír un cambio transformador que permita a Galiza desenvolverse fronte á decadencia na que o sumiu Núñez Feijóo.

O nacionalista, logo de manter un encontro co Comité Electoral de Pontevedra, destacou que o cambio galego será posible se hai unha grande mobilización o 5A. Insistiu en que a participación nas urnas da xente progresista que lle quere a Galiza será a que permitirá “dar o ‘finiquito’ ao goberno do PP”, polo que explicou que o Bloque buscará fundamentalmente activar o voto das persoas descontentas, o voto da xente nova e o voto máis urbano (cidades e vilas cabeceiras de comarca) por teren confirmado que é o que máis se desmobiliza nas eleccións autonómicas.

Neste sentido, o cabeza de lista por Pontevedra indicou que o BNG dispón de datos cualitativos e cuantitativos que auguran moi bos resultados para a formación nacionalista, tanto pola simpatía que xera Ana Pontón, pola intención de voto entre a xente moza de ata 30 anos, así como polo reforzo que supuxo volver ter representación en Madrid. “Son datos motivadores que demostran que estamos en condicións de liderar un cambio galego e transformador na Galiza, dannos forzas políticas!”, subliñou.

Bará destacou que o BNG non podería ter mellor candidata para presidenta que Ana Pontón e subliñou que o seu liderado sigue a onda de liderados feministas que está a triunfar en Europa, como aconteceu en Irlanda. “Ana Pontón faría historia sendo a primeira muller presidenta de Galiza, unha nacionalista! Iso sería revolucionario e transformador e permitiría unha imaxe renovada e diferente deste país no mundo”, salientou.

En canto á candidatura por Pontevedra, Bará subliñou que traballará na campaña “casa por casa” co apoio da xente moza que forma parte da equipa, e tamén cos gobernos municipais que están a ser exemplo de políticas transformadoras. “Temos valiosas incorporacións”, dixo, para citar a Manu Lourenzo (4), concelleiro en Soutomaior, de quen augurou “será un grande parlamentario avalado por unha poderosa organización local, das máis fortes de Galiza”.

Tamén tivo palabras para Alexandra Fernández (3) -que hoxe compareceu en Vigo xunto a Ana Pontón-, da que dixo “é unha persoa que con 31 anos ten unha experiencia e valía demostradas” e permite poñer de relevo que o BNG “suma, medra e se abre a outros espazos políticos”.

“Imos a polo voto urbano, mozo, rebelde que pon os ollos no BNG como aposta para sacar adiante un tempo novo para o país. Imos a por todas cun sentimento de corrente positiva. Saímos á ofensiva, a gañar!”, finalizou Bará.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG