No debate do Proxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, o deputado Luís Bará anunciou que o BNG presentará máis de trinta emendas a un texto con “moitas carencias” que debe ser corrixido no trámite parlamentario iniciado hoxe.
Tras a presentación do anteproxecto, Bará replicou ao vicepresidente, Alfonso Rueda que, unha vez máis, o Partido popular procedeu “sen transparencia e consenso” e algúns colectivos da hostalería, salas de festas e verbenas, explicou o nacionalista, participaron pero de “maneira aparente”. Vostedes non aceptaron as súas suxestións, “aplicaron o rodillo e de 67 alegacións, rexeitaron 63” e por outra parte, engadiu, outros colectivos do ámbito musical e audiovisual tampouco foron consultados como, Produtores técnicos de Galiza e organizacións culturais e de música tradicional, afectados tamén pola aplicación desta lei.
O Partido popular leva 9 anos de goberno e non resolveu o “baleiro normativo” a pesar de contar con competencias dende o ano 1996 mentres noutras comunidades existe esa regulación. O problema fundamental deste texto, remarcou Bará, é a “pretensión de incluír na lei actividades moi diversas e dispares”. Dende o BNG queremos chamar a atencións sobre os espectáculos de carácter lucrativo, doutras activades que non teñen esta natureza polo que o texto debe ser “adaptado á realidade de Galiza”.
Moitos dos espectáculos teñen difícil encaixe nesta lei que ademais conta cunha disposición a modo de “caixón de xastre” para introducir realidades diversas. Dende o BNG tamén consideramos que este apartado é “moi mellorable” sobre todo naqueles espectáculos que congregan e menos de 100 persoas.
Outro dos aspectos que debe ser corrixido é das relacións cos concellos porque o anteproxecto traslada ás entidades locais competencias da propia Xunta no relativo á ampliación e regulación de horarios, inspeccións e sancións o que resultaría unha sobrecarga para os pequenos concellos. A non ser, dixo Bará, que a previsión sexa encargar a “determinadas empresas” as inspeccións e así externalizar este servizo.
No texto tamén figura que a Xunta e deputacións “poderán” prestar apoio aos concellos pero a nós, manifestou Bará “isto non nos vale” polo que propoñemos que Xunta e deputacións “deberán prestar” esa colaboración ante a imposibilidade dos concellos para asumir esa función.
Finalmente, o nacionalista tamén se referiu ao réxime xurídico de intervención administrativa que ao , ao seu xuízo, presenta grandes “contradicións”, réxime aplicado polos concellos dende o ano 2013 e que agora vostedes modifican na lei o que provocará “un galimatías de actividades” sometidas a por diferentes réximes creando “inseguridade xurídica” e máis confusión aos profesionais, técnicos dos concellos e a cidadanía en xeral que non saberán a que réxime acollerse. Dende o BNG propomos “un réxime único” como tamén reclama a FEGAMP, concluíu.