Galegas 2020

Luís Bará afirma que o BNG favorecerá dende a Xunta ás empresas galegas aplicando cláusulas de ‘quilómetro cero’ na contratación pública

Cláusulas cero
Cláusulas cero

O cabeza de lista asegura que é precisa unha modificación da Lei de Contratos “para repartir a riqueza e xerar actividade e emprego no país”

Avoga por crear un Fondo Único que regule os fondos que a Xunta envía aos concellos para eliminar o reparto “discrecional e partidista actual”

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que o BNG favorecerá dende a Xunta ás empresas galegas na contratación pública creando fórmulas administrativas e cláusulas que primarán ás firmas de proximidade. Segundo dixo Bará é imprescindible apostar pola actividade económica de quilómetro cero, algo que xa era importante antes, pero que o é moito máis agora coa crise da COVID-19, “na que se puxo de manifesto a importancia de primar o local, o próximo, a produción de alimentos e bens no país”, subliñou.

Nun encontro con alcaldes e representantes das corporacións de Pontevedra, Poio, Barro e Vilaboa (Miguel Anxo Fernández Lores, Anabel Gulías, Demetrio Gómez, Nito Sobral, Marga Caldas, Iván Bello e Ornela Fernández) o cabeza de lista destacou que hai unha lexislación de carácter europeo e tamén estatal que prima ás grandes empresas e multinacionais baixo o pretexto da transparencia, pero tamén hai a posibilidade de que se habiliten fórmulas para contratar empresas de proximidade e quilómetro cero.

Por iso, explicou, o BNG propón modificar a Lei de Contratos do sector público e introducir instrumentos que favorezan a contratación de empresas galegas ou enraizadas en Galiza e que os seus subministros tanto de bens e produtos como de servizos se realicen dentro do territorio, “xa que iso permitirá tamén que se reparta a riqueza, que se xere actividade e emprego no territorio, neste caso en Galiza”.

Bará puxo como exemplo de empresas de ‘quilómetro cero’ a Setga, unha firma pontevedresa que está a gañar concursos internacionais e que se subministra de todos os produtos que precisa na súa contorna, nun ámbito de 50 quilómetros. “Nós temos capacidade, competitividade e innovación para competir nos mercados internacionais, pero temos que ter tamén instrumentos administrativos e de contratación para favorecer ás empresas locais, mediante cláusulas sociais, lingüísticas, e ambientais, que son tamén un reto neste momento onde hai que hai que apostar polo local, polo próximo e por empresas que coidan e garanten os dereitos sociais e o medio ambiente”, subliñou.

Por outra parte, o cabeza de lista propuxo a creación dunha nova Lei de Financiamento Local para realizar un reparto xusto e igualitario dos fondos autonómicos entre os concellos galegos. O nacionalista destacou que é preciso crear un Fondo Único que aglutine os recursos do goberno galego en materia de cooperación cos concellos e reducir as subvencións “discrecionais e partidistas actuais”.

Avogou tamén por un novo sistema de financiamento municipal dos cartos estatais para rematar coa discriminación dos concellos galegos, que reciben unhas 50 euros de media menos que o resto de municipios do Estado. Así mesmo, subliñou que o BNG “presionará” para que se cambie o marco legal estatal da Lei de Estabilidade Orzamentaria porque asfixia aos concellos xa que non lles permite contratar persoal, gastar os fondos dos remanentes e o superavit. “Chove sobre mollado, xa que sufrimos sistema de financiamento inxusto e discriminatorio para os concellos galegos que agora teñen menos marxe de manobra”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG