Luís Bará acusa a Feixóo e Abel Caballero de ser os enterradores da área metropolitana de Vigo

Luís Bará
Luís Bará

O BNG pide que o concello de Gondomar sexa incluído no transporte da área metropolitana de Vigo

O deputado do BNG por Pontevedra, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei para incorporar ao concello de Gondomar ao transporte metropolitano  da Área  de Vigo.

O  nacionalista denunciou  que o “enfrontamento” entre o presidente da Xunta e o alcalde da cidade olívica  está a provocar unha parálise da Área metropolitana e de iniciativas para mellorar o abastecemento da auga potable, infraestruturas ou a paralización do  Campus do mar, a estación intermodal, a  urbanización de acceso a Vigo dende AP-9 e o  transporte metropolitano.

Bará acusou a  Feixóo e Caballero de ser  “os enterradores da área metropolitana ”e  ter “dinamitado, a partes iguales” o traballo para poñela en marcha.

Para o nacionalista, Concello de Vigo e Xunta viven confortablemente instalados na confrontación e non lles importa que as súas decisións prexudiquen a miles de persoas. Ante esta situación, Bará fixo un  chamamento “ao consenso” e pediu   que o concello de Vigo abandone a  posición “cerril” que mantén coa Xunta e tamén  cos concellos limítrofes como Mos, Redondela, Nigrán, Cangas, Moaña e   Gondomar. O deputado explicou que Vigo conta cun grande potencial grazas ás  miles de persoas procedentes doutros   concellos que traballan nesta cidade. A “liorta monumental” entre  Feixóo e Caballero  prexudica a 460.000 persoas da área de Vigo que non poden acceder a servizos comúns, equipamentos e investimentos previstos na lei da Área metropolitana. Nesta liña, asegurou que pode   haber solucións dialogadas para  deixar sen efecto unha parte do convenio do transporte e ao  tempo permitir que as persoas  da contorna e cidadanía de Vigo obteña  beneficios.

Gondomar solicitou no 2016 a incorporación ao transporte metropolitano

Para o deputado,  o concello de Gondomar é “unha vítima colateral” do enfrontamento entre Vigo e a Xunta que  “vetaron a súa entrada” no convenio do transporte metropolitano no ano 2016. Unha situación, dixo, que  pecha a porta a  16.000 persas privadas das vantaxes do uso da tarxeta de transporte  metropolitano, entre elas a gratuidade para as persoas menores de 19 anos.

Luís Bará criticou á actitude “sectaria” que mantén a  Xunta, o concello de Vigo e a propia conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez afirmando de maneira impropia que o “concello de Gondomar ten que poñerse á cola porque o que o que foi a Sevilla perdeu a silla”.

O concello de Gondomar é “o único que non entrou” no convenio do  transporte a  pesar de cumprir con todas as condicións e trámites necesarios. Bará apelou á “lealdade institucional” e a colaboración para acadar un “transporte sostible” polo que  pediu que  Xunta e concello de Vigo abandonen “a confrontación e sectarismo” en beneficio da cidadanía.

Os votos en contra do grupo maioritario do Partido popular impediron que a proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Luís Bará prosperara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG