Luís Bará: “É un abuso que Naturgy rescinda os contratos con 106 empresas auxiliares de automóbiles”

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará lembra que a maioría das empresas  están  na comarca de Vigo e prestan servizos ao grupo PSA. A decisión de NATURGY provocará un importante incremento  no recibo da luz ao non respectar un contrato ate  xullo do 2019 que contemplaba un aforro do 12% sobre o prezo do mercado

O nacionalista insta  á Xunta de Galiza a implicarse  na defensa deste tipo de  contratos  que abaratan o recibo da luz

Luís Bará: “É un abuso que Naturgy rescinda os contratos con 106 empresas auxiliares de automóbiles”

O BNG manifesta publicamente o seu rexeitamento á decisión da empresas Naturgy, antiga Gas Natural-Fenosa, de rescindir de maneira “unilateral” os contratos con 106 plantas de empresas auxiliares do automóbil, a maioría delas situadas na comarca de Vigo, e prestadoras de servizos ao grupo PSA ás que  incrementarán  o prezo do recibo da luz ao  non manter un contrato  asinado con vixencia até xullo do ano 2019 que supuña un aforro do consumo eléctrico de até “o 12% sobre o prezo do mercado”.

Bará explica que o contrato foi o logro dun beneficio conseguido nunha negociación por parte do cluster de empresas de automoción de Galiza e dende o BNG , afirma, consideramos que este tipo de medias son beneficiosas polo que a  Xunta de Galiza debe implicarse para defender este sistema de contratos e a competitividade das empresas galegas  que se benefician da redución do prezo da electricidade.

Para o nacionalista, a decisión de Naturgy constata a necesidade de que Galiza conte cunha tarifa eléctrica galega e que a Xunta demande do Goberno central o  seu establecemento nun servizo do que somos, recalcou, “excendentarios, produtores e exportadores”.

Bará cualifica de “novo abuso” a decisión  da empresa Naturgy e reitera a reclamación para que a Xunta de Galiza se implique na procura dunha solución.