Jorquera solicita que o Goberno lle reclame a AUDASA un programa de descontos na AP-9

O portavoz do BNG no Congreso e candidato á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, e a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, rexistraron na Cámara unha iniciativa parlamentar e unha proposición non de lei instando a Fomento a iniciar “de imediato unha negociación coa concesionaria da AP-9 para que aplique un Programa de Descontos a similitude do existente noutras autoestradas do estado.

Lembra Jorquera que o PP apoiou en marzo de 2011 unha proposición non de lei do BNG, que fora aprobada por unanimidade, que instaba ao Goberno a realizar as xestións precisas ante AUDASA para que a Autoestrada do Atlántico incluise un Programa de Descontos.

Máis, recalca o deputado do BNG, nen Fomento nen a Xunta fixeron xestión algunha ao respeito, nen o anterior Goberno. Salienta que circular pola AP-9 resulta prohibitivo, e por riba, “coa aplicación das novas tarifas en vigor desde o pasado 29 de xullo, a viaxe entre A Coruña e Vigo costa 14,35 euros”. Sen esquecer que a partir de pasado mañá, o 1 de setembro, e coa suba do IVE, o custe das peaxes voltará a incrementarse.

AP-9: suben as peaxes un 7,5%, voltan a incrementarse pasado mañá polo IVE e sen Programa de Descontos.

En conclusión, indica, a unhas “costosísimas peaxes hai que lle sumar o feito de que nen siquera os usuarios teñen a oportunidade de que se lles apliquen programas de descontos por ser desempregado, xubilado, estudante, persoas con minusvalías ou a usuarios que frecuentan a autoestrada”.

Lembra que as catro autoestradas galegas e a de Adanero-Vilalba son as únicas do Estado que non contan con este tipo de políticas de rebaixas.

“A decisión de incrementar as peaxes e agora coa suba do IVE provocou un grande malestar entre os usuarios que, ademáis, padeceron un verán de chamativos atascos e un pésimo servizo da concesionaria”.

Jorquera lembra que na anterior lexislatura o PP apoiou unha iniciativa do BNG neste sentido pero nen Fomento nen a Xunta fixeron nada

Jorquera recalca que nun contexto de grave crise como o actual, sería pertinente que Fomento “se preocupase por reducir custes aos cidadáns en lugar de se concentrar unicamente no aumento dos prezos. Un paso sería a aplicación dun Programa de Descontos na AP-9”.

En relación á pregunta parlamentar, o BNG quer saber se o Goberno vai cumprir coa proposición non de lei do BNG aprobada en marzo de 2011, quer saber se o actual Ministerio fixo algunha xestión ao respeito e se a Xunta de Galiza se dirixiu ao Ministerio para demanar xestións ante AUDASA.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG