O deputado tildou de vergoñenta a actitude de Feijóo e pediu ao Presidente da Xunta e do PPdeG que esixa a dimisión de Baltar e inicie os trámite para súa expulsión do partido
O portavoz do grupo parlamentario do BNG preguntou hoxe ao Presidente da Xunta se considera un problema menor que un presidente de Deputación sexa denunciado por acoso sexual.
O parlamentario reprobou que o presidente da Xunta afirmara que a denunciante pretendía que Baltar delinquise e o señor Baltar non delinquiu, manifestación que para Jorquera converteu a vítima en culpable.
Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres
Cos carteis nos escanos baixo o lema: O persoal é público. O acoso é delito. Hoxe, Día Internacional contra a violencia de xénero o deputado do BNG lembrou que o Presidente da Xunta insultou a todas as mulleres no último pleno do Parlamento reprendendo a oposición por non preguntar por cousas importantes e formular preguntas sobre o posicionamento do Partido popular ante a denuncia contra Baltar. Para vostede, dixo, a violencia de xénero non forma parte dos principais problemas e que un cargo público reclame favores sexuais a cambio de promesas de colocación non é unha cuestión importante.
Jorquera preguntou a Feijóo se é consciente da situación que deben soportar todos os días moitas mulleres nos seus postos de traballo ou para conseguilo. Non sabe qu
e o acoso sexual é unha forma de violencia machista? Para combater a violencia contra as mulleres, dixo, hai que acabar coa hipocrisía, menos minutos de silencio e máis acción pero vostede, prefire mirar para outro lado cando un señor feudal 2.0 se cre con dereito de pernada.
Feijóo defende a presunción de inocencia a Baltar pero négalla á denunciante
Tras a resposta do presidente da Xunta apelando a presunción de inocencia de José Manuel Baltar, o nacionalista enfatizou que ten unha curiosa maneira de entender esa presunción ao aplicarlla ao presidente da Deputación de Ourense e negarlla á denunciante.
Vostede, acusouna de cometer un delito e defende que Baltar nin sequera está imputado, vostede confunde a diferenza entre presunción de inocencia penal e a asunción de responsabilidades políticas, recalcou.
O parlamentario preguntou ao presidente da Xunta se escoitou as gravacións que demostran que José Manuel Baltar solicitou favores sexuais a cambio de promesas de colocación, claro que te voy a ayudar y esa promesa va a misa en ese momento, cuando sea Presidente yo me comprometo a hacer si tu quieres algo, no la cagues, joder, como entende estas frases?. As gravacións, engadiu demostran nepotismo na Deputación de Ourense e para mostra outra frase de Baltar, Tu nota tengo que cambiarla, tú vas a sacar más.
O BNG pide a dimisión do presidente da Deputación de Ourense
O parlamentario do BNG aludiu a unha recente entrevista nun medio de comunicación na que Feijóo manifestou non estar contento coa denuncia. A xuízo do nacionalista, as afirmacións do Presidente da Xunta demostran que está preocupado pola denuncia e non polo feito denunciado.
Jorquera lembrou a Núñez Feijóo que non só é o Presidente da Xunta tamén é Presidente do PPdeG e debe rectificar, esixa a dimisión do Sr.Baltar, inicie os trámites para expulsalo do seu partido porque do contrario será responsable de amparar a un acosador, concluíu.