Iria Carreira le no Pleno do Parlamento o decálogo censurado por Educación sobre os efectos dos recortes no IES de Melide
A deputada da comarca, Iria Carreira, retou ao titular de Educación, Román Rodríguez, a desmentir os puntos do decálogo censurado pola Consellería sobre os efectos que terán os recortes de profesorado no IES de Melide. “Señor Rodríguez, están tan afanados en ser censores e represores que non se están preocupando por mellorar a calidade do ensino galego”, criticou a deputada nacionalista, que acusou aos populares de “vivir instalados no antigo réxime e confundir maioría absoluta con absolutismo”.
“Por que na súa Consellería se preocupan máis de actuar como censores e represores en vez de mellorar a calidade do ensino público e que centros como o IES de Melide melloren a súa oferta educativa e as condicións do profesorado?”, preguntoulle, ao tempo que o emprazou a deixar o papel de “censor” porque, alegou, “Franco morreu hai xa suficientes antos”.
Unha por unha, a deputada do BNG preguntoulle ao conselleiro polas dez consecuencias recollidas no documento censurado, elaborado polo cadro docente: perda de profesorado con praza definitiva, perda de estabilidade nos proxectos do centro (Erasmus+, Proxecta ou Innova-lab), redución de materias optativas, menor capacidade para configurar itinerarios en bacharelato, dificultades no proceso de matriculación, incremento da ratio e masificación, redución da atención á convivencia, redución da atención á diversidade, menos oferta educativa e dificultades para estabilizar a oferta.
Segundo denunciou Carreira, o decálogo estivo pendurado nas paredes do centro e chegou a ser compartido nas redes sociais do IES “até que chegou a Inspección e mandou parar”. “Buscan controlar polo medo e a forza o que non son capaces de controlar polo relato”, engadiu a deputada, que criticou non só á “orde directa para retirar todo” senón tamén que desde a Consellería “pediron culpables: buscaron nomes e apelidos das persoas responsábeis”.
Tras lembrar que xa neste curso a dirección do instituto de Melide tivo que refacer os horarios por non dispor dun docente de inglés co que contaban, Carreira advertiu das consecuencias que terá na calidade educativa a decisión da Consellería de amortizar a través do concurso de traslados tres prazas máis (Latín, Lingua e Literatura galegas e Xeografía e Historia).
Carreira criticou ao conselleiro que lle moleste máis a liberdade de expresión do profesorado ou que se coñezan as consecuencias dos seus recortes que o deterioro da calidade educativa e adopción de medidas para evitalo. “Señor conselleiro, que é o que lle molesta a vostede deste decálogo, por que lle molesta a liberdade de expresión dos docentes e por que lle molesta que se coñezas as consecuencias das súas políticas e recortes”?, preguntoulle.