A ILP contra a incineración e pola reciclaxe chega á Eurocámara

O BNG, a través do Grupo Verdes/ALE do que forma parte na Eurocámara, celebra entre os días 7 e 8 de marzo unha xornada no Parlamento Europeo baixo o título "Máis alá da reciclaxe: Boas prácticas na xestión de residuos na UE", na que participan organizacións ecoloxistas, expertos en medioambiente e responsables de proxectos de xestión de residuos en diferentes Estados membros, diversos eurodeputad@s, entre eles Ana Miranda, e o propio responsable de Medioambiente da Comisión Europea, o esloveno Janez Potocnik.

O obxectivo é analizar cales son as mellores alternativas para unha xestión dos residuos eficiente e respectuosa co medioambiente e, neste foro, Galiza estará presente a través dunha representación da Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular contra a Incineración e pola Reciclaxe, convidada polo BNG ás xornadas para poder expoñer a súa proposta na Eurocámara que tamén entregarán ao comisario de Medioambiente.

A delegación galega estará integrada polo catedrático da Universidade da Coruña, Manuel Soto, Celestino Quintela, da Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe, María Rodríguez,  responsable de Adega,  Xosé Manuel López, da Plataforma Incineradora No Deza Non, Marta Domínguez, técnica do Complexo Medioambiental de Tratamento de RSU da Mancomunidade de Concellos do Barbanza e Rocío da Igrexa, portavoz municipal do BNG no Concello de Cerceda que alberga a planta de Sogama.

O programa da xornada completase coa proxección do documental "Trashed" recentemente presentado no Festival de Cannes, seguido dun coloquio con Jeremy Irons, quen participa como actor e productor deste documental que aborda a problemática da xestión de residuos e as consecuencias medioambientais as que nos enfrentamos a nivel planetario.

Ligazón do trailer do documental "Trashed":  http://www.trashedfilm.com/

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG