Xerais 2019

Iago Tabarés: “Precisamos unha A Gudiña coas ideas claras para poder vertebrar o territorio”

A Gudiña
A Gudiña

Os candidatos ao Congreso dos Deputados, Iago Tabarés e Samanta Barreira, estiveron no concello de A Gudiña nun encontro con veciñas e veciños. Tamén interviñeron no acto a candidata á alcaldía da Gudiña, Raquel Fernández; o alcalde da Mezquita, Rafael Pérez; e membros da equipa de goberno de Viana do Bolo, Xosé Antonio Alfonso e Graciela Diéguez.

Nun primeiro momento, o candidato ao Congreso, Iago Tabarés, destacou o papel tan importante que ten o voto ao BNG nestas eleccións xerais. Por unha banda, para garantir que “Ourense e Galiza conten cunha voz propia no Congreso dos Deputados”; e por outra banda, para frear á extrema dereita na Galiza, segundo están a confirmar todas as enquisas.

A Gudiña“Precisamos vertebrar o noso territorio. Precisamos que A Gudiña se poida comunicar co resto de Ourense e o país” sinalou o candidato ao Congreso. Destacou que, aínda que está licitada a parada do AVE no concello, os gobernos do “PP e PSOE non terán en conta esa proposta se o BNG non está en Madrid”. Sinalou a necesidade que ten o concello de contar cunha conexión de autobuses que o conecte co resto de comarcas da provincia coma Valdeorras.

Tamén fixo fincapé na mellora dos servizos públicos, sobre todo en sanidade e educación, así como destacar a urxencia da implantación de medidas transversais para frear a “sangría demográfica que está acontecendo na nosa provincia”. “Precisamos un cambio radical e iso pasa pola confianza nas propias forzas para defender os intereses desta provincia no Congreso” sinalou o candidato Tabarés.

Concellos de garantía co BNG

No acto tamén estiveron presentes membros das equipas de gobernos dos concellos de Viana do Bolo e A Mezquita. O alcalde do concello limítrofe coa Gudiña, explicou o proxecto nacionalista a nivel municipal, adecuándose ao contexto e á realidade existente. Por outra banda, o tenente alcalde de Viana do Bolo, Xosé Antonio Alfonso, e a concelleira vianesa, Graciela Diéguez, amosaron a realidade do proxecto con catro anos contando co apoio das veciñas de Viana.

Pola súa banda, a candidata á alcaldía de A Gudiña, Raquel Fernández, destacou a necesidade que ten o concello de mudar as políticas. “Precisamos un goberno que teña as ideas claras, que saiba dos nosos problemas e teña as solucións necesarias para medrar como concello” sentenzou a candidata Fernández.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG