ANA PONTÓN

Galiza non precisa unha universidade ao servizo da banca senón máis apoio e recursos á universidade pública

Encontro reitores
Encontro reitores

Acusa á Xunta de “bordear” a Lei galega de universidades que impide duplicar titulacións e pide que o proxecto sexa retirado

O BNG demanda aportar ao SUG o equivalente ao 1,5% do PIB equiparando o financiamento universitario galego á media do entorno europeo

Galiza non precisa unha universidade ao servizo da banca senón máis apoio e recursos á universidade pública

En plena polémica polo proxecto de universidade privada que auspicia ABANCA, o BNG quixo lanzar unha mensaxe de rotundo apoio á universidade pública e para iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro cos reitores dos campus galegos, Antonio López (USC), Julio Abalde (UdC) e Manuel Reigosa (UVI), no que tamén participou a portavoz parlamentaria de Educación, Olall Rodil.

A saída, a dirixente nacionalista foi contundente na súa comparecencia ante os medios.

“A posición do BNG é moi clara a respecto deste proxecto de universidade privada que parece ter o apoio entusiasta de Feixóo: Galiza non necesita unha universidade ao servizo da banca senón mellorar o apoio ao sistema universitario público, fundamentalmente en materia de financiamento e de recursos públicos”, proclamou.

De feito, o sistema universitario galego (SUG) leva soportado recortes ao longo da última década, de tal xeito que, a día de hoxe, dispón de 438 M€ menos.

Pontón considera que mesmo se está incumprindo a Lei galega de universidades, “que a Xunta está aplicando de maneira moi laxa bordeando a legalidade, porque non atende ao que establece o actual marco que impide que a creación dunha universidade privada signifique duplicar titulacións do sistema público”.

Pola información xa difundida, entre as titulacións duplicadas figurarían administración e dirección de empresas, ciberseguridade ou enxeñerías informáticas, “factor que é moi claro na lei e se a Xunta da luz verde incumprindo este requisito se situaría fora da lexislación en vigor”. Por tanto, o anteproxecto deber ser retirado, conclúe Pontón, “porque o único que vai facer é distorsionar o sistema público provocando duplicidades nas titulacións pero sen ser capaz de ofertar nada mellor”.

A portavoz nacional tamén reclamou ao Goberno de Feixóo que cumpra coa obriga de apoiar á universidade pública empezando por dotala de máis orzamento, “agora insuficiente porque non permite cubrir o gasto corrente o que provoca unha situación de asfixia”, recalcou.

Neste sentido, o BNG propón un incremento dos fondos de financiamento da universidade pública en 2020 e critica que a lei de acompañamento de orzamentos non avance nun novo plan de financiamento para o SUG e que, por contra, mesmo adiante novos recortes.

A proposta do Bloque é acabar cos recortes da última década, -porque Galiza está “á cola” en investimento universitario a nivel europeo-, cunha medida moi concreta: “incrementar o plan de financiamento universitario co obxectivo de situarnos no 1,5% do PIB  e colocarnos na media do noso entorno o que significaría unha mellora importante en canto a recursos, dotación para a docencia e a investigación”, explicou.

Pontón destacou o total apoio do Bloque para “fornecer de máis recursos a universidade pública” co obxectivo de  atender as necesidades de formación que ten a sociedade galega. “Temos que facer unha aposta clara en defensa da universidade pública fronte aos intentos privatizadores que estamos vendo”, concluíu.
Galiza non precisa unha universidade ao servizo da banca senón máis apoio e recursos á universidade pública