Unha escritora española que apoia a Galicia Bilingüe elexida pola Xunta para a homenaxe a Rosalía

O BNG pregunta ao Goberno porque  unha escritora con obra integramente en español e belixerante co idioma galego é  escollida para a homenaxe a Rosalía de Castro no 8 de Marzo.

A Xunta de Galiza, a través da Secretaría Xeral de Igualdade decidiu conmemorar o 8 de marzo cun acto institucional de homenaxe a Rosalía de Castro, cando se cumpren os 150 anos da publicación de Cantares gallegos, escollendo a unha escritora destacada pola súa obra en español e as súas opinións en contra do galego.

A deputada do BNG, Ana Pontón preguntará no Parlamento galego polos criterios que empregou a  Secretaría Xeral de Igualdade para que unha escritora, Marta Rivera de la Cruz, coñecida pola súa obra integramente en español, opinións “belixerantes” contra o proceso de normalización do idioma galego e apoio a Galicia Bilingüe, resulta escollida para conmemorar o día 8 de marzo cun acto institucional de homenaxe a Rosalía de Castro.

Unha burla á figura de Rosalía

A deputada cualifica de “aldraxe” á memoria de Rosalía de Castro e  ofensa ao conxunto de escritores e escritoras galegas que a Xunta, facendo gala das súas “posicións sectarias” ataque novamente o idioma galego e “manipule” a figura de Rosalía que destacou pola súa defensa da lingua galega e dos dereitos das mulleres.

Pontón considera que a Xunta segue na senda de silenciar a transcendencia da figura de Rosalía na súa loita feminista e dos dereitos da lingua galega.

A deputada do BNG preguntará ao Goberno por que no citado acto non foi convidada algunha representante da literatura galega, recorrendo a unha escritora española coñecida por apoiar as mobilizacións convocadas por Galicia Bilingüe e defender a superioridade xurídica e social do español fronte o idioma galego.

Ana Pontón lembra que Rosalía de Castro (1837-1885) foi, artífice esencial da historia contemporánea de Galicia e a súa obra literaria e ao seu patriotismo hai que sumar a grande preocupación pola condición da muller. Para a parlamentaria nacionalista, resulta “unha burla” que a Xunta de Galiza convide ao acto de homenaxe a Rosalía de Castro a unha escritora que representa todo o contrario de aquilo polo que loitou a grande escritora galega.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG