A delegación da pesca artesanal galega reivindica en Bruxelas o trato diferenciado fóra do TAC’s e as cotas

delegación pesca. Foto: Fani Alonso/Trece Nudos
delegación pesca. Foto: Fani Alonso/Trece Nudos

A eurodeputada do BNG Ana Miranda aposta por unha definición da pesca artesanal estreitamente ligada ao factor medioambiental 

A delegación da pesca artesanal galega reivindica en Bruxelas o trato diferenciado fóra do TAC’s e as cotas

“Pedimos un trato diferencial da pesca artesanal de Galiza”, subliñou o patrón maior de Cangas Francisco Javier Costa, en representación da delegación da pesca costeira artesanal galega trasladada a Bruxelas para participar na xornada de traballo organizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, sobre os fondos comunitarios marítimo pesqueiros para o vindeiro período 2021-2027 e as achegas galegas aos mesmos.

“Teñen que contemplarse criterios realistas na definición de pesca artesanal, moi ligada á política medioambiental, e non só baseados na dimensión das embarcacións”, afirmou a eurodeputada nacionalista, como son a distancia da costa á que faenan estes barcos e as artes sostibles que empregan. Desta forma Ana Miranda resumía as consideracións que a delegación lle trasladou a Brian O´Riordan, Director Adxunto de LIFE - Pescadores de Baixo Impacto Ambiental.

Precisamente a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, fixo fincapé nas repercusións socioeconómicas deste tipo de actividade pesqueira e mariscadora. “Trátase dun sector chave na nosa economía, especialmente polo seu papel de creador de riqueza de proximidade. Falar de artes de pescar artesanal, marisqueo e acuicultura sostible é a única forma de xerar futuro para as novas xeracións”, salientou.

Outro dos aspectos diferenciais da pesca costeira artesanal galega salientados ao longo da xornada refírese á posición do sector a respecto da lei de desembarques. “A pesca artesanal galega non ten desembarques, xa que as mareas son de entre 8 e 10 horas e a pesca é selectiva, de forma que todo o peixe recollido é vendible”, explicou ao respecto o patrón maior de Cangas. “Nin eles mesmos saben como se vai executar”, sinalou.

“A ver se co empeño de Ana Miranda temos a sorte de ter aquí un vínculo para reivindicar a nosa pesca artesanal”, destacou despois de agradecerlle á eurodeputada do BNG a posibilidade de trasladar a Bruxelas as necesidades do sector. Nesta liña, o concelleiro de Mar de Fisterra, Xan Carlos Sar explicou que precisamente a creación desta área neste concello da Costa da Morte vén dada pola necesidade de recoller e trasladar as necesidades do sector, “algo que non é posible en todas as confrarías”.

A Ría do Burgo

Tamén neste sentido reivindicativo interveu Teresa Ramiro, en representación das mariscadoras da Ría do Burgo. Así, criticou que pese a que está “practicamente cuberta de lama”, nin o anterior goberno do PP nin o actual do PSOE axilicen os trámites para acometer o dragado desta ria, imprescindible para recuperar a actividade na mesma. Esta situación provoca a considerable redución da actividade extractiva e de ser unha zona de abundante marisqueo pase a contar con só 90 persoas que desenvolven a actividade extractiva “nunhas condicións especialmente duras dentro da lama”.

O secretario do Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Alfonso Alcaide, pola súa banda, defendeu que no novo FEMP se recolla regulamento da denominación de orixe para garantir tanto o salario digno para os produtores como a calidade dos produtos e que a cidadanía e os consumidores “teñan produtos de alta calidade e información veraz”.

A xornada de traballo continúa mañá, 9 de outubro, cunha xuntanza na Comisión Europea con Elisa Roller, xefa de Unidade da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e diversos responsables dos fondos e as cotas comunitarias. Neste encontro participarán asemade a alcaldesa de Moaña Leticia Santos, o concelleiro de Mar de Fisterra, Xan Carlos Sar; así como representantes dalgunhas das confrarías de pesca galegas, como o patrón de Cangas, Francisco Javier Costa; de A Illa de Arousa, Juan José Millán; de Redondela, Clemente Bastos; de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias; a representante da Confraría de mariscadoras da Ría do Burgo,  María Teresa Ramiro; un representante da Confraría Fisterra, Rafael López; e de Muros, Primitivo Pedrosa; o experto en Pesca da Costa da Morte, Emilio Louro; o biólogo da confraría de Barallobre, Joám Luis Ferreiro; e o secretario do Consello Regulador do Mexillón, Alfonso Alcaide;.