Davila pide a Tejerina que non faga retencións a conta aos gandeiros porque "os están asfixiando"

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandar ao Ministerio de Agricultura que non leve a cabo as denominadas retencións a conta aos productores lácteos por superar o exceso de cota.

Davila critica o anuncio do Ministerio de efectivizar esta medida que permite ás industrias lácteas descontar 2,78 céntimos por cada litro que as explotacións gandeiras sobrepasen das cotas asignadas durante estes vindeiros tres meses. “A previsión é aplicar esta medida a un importante número de explotacións gandeiras galegas que previsibelmente superarán a cota nesta mes de xaneiro e que afectará a máis explotacións en febreiro e marzo”.

O Paquete Lácteo “foi un fracaso, adopten medidas urxentes”

Os mesmos dados do Ministerio indican que máis de 5.500 gandeiros sobrepasarán a cota, afirma Davila. A deputada do BNG insta ao Ministerio a dar marcha atrás nesta decisión que “provocou un grande malestar entre os productores que xa esgotaron a súa cota ou que están a piques de esgotala”. Olaia Fernández Davila pide ao Goberno que teña en conta que os problemas se lle acumulan ao sector lácteo: “Levan meses experimentando de novo unha constante baixada dos prezos do leite en orixe, e agora pretende o Ministerio que se lles desconte case 3 céntimos, o que levará a unha situación límite ao sector”.

“Para colmo de males, sinala Davila, engadimos o fracaso dos contratos homologados e os incumprimentos da lexislación vixente por parte das industrias lácteas. Lembramos que os contratos que se asinan están por debaixo dos seis meses o que non lle da estabilidade aos productores”, explica a deputada do BNG.

En torno a este tema, tamén hai novidades, explicita Davila, posto que sabemos que “as industrias lácteas estan a solicitar aos productores a presentación dun aval bancario que garanta que farán fronte a unha hipotética multa. É o xeito de que os grandes se garden as costas”.

Para Olaia Fernández Davila a cuestión “é que sempre perden os pequenos, os productores”. “A industria láctea segue a xogar coa súa posición de forza saltándose sen o menor escrúpulo a lexislación vixente e xogando con avantaxe en favor dos seus intereses económicos en detrimento das compricadas economías dos gandeiros”.

A parlamentar nacionalista advirte ao Ministerio que “non pode continuar mirando para outro lado mentras avanza unha nova onda deflacionista nos prezos do leite en orixe. Como Ministerio público ten o deber de defender sectores estratéxicos importantes como é o sector lácteo galego. Salvo que estean a optar por unha estratexia encamiñada ao desmantelamento de explotacións gandeiras ou que se limite a deixar facer ás industrias e cadeas de distribución”.

Davila dirixe ao Ministerio unha batería de preguntas por estas cuestións e lle pide medidas de carácter urxente para rematar coa constante redución dos prezos do leite en orixe.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG