Davila critica a "tarifa plana de 100 euros" porque incentivará a contratación precaria

DSC_0667A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou hoxe a comparecencia da Ministra de Emprego e Seguridade Social e do Secretario de Estado de Seguridade Social para que expliquen as consecuencias da denominada “tarifa plana de 100 euros”.

O Consello de Ministros aprobou o venres pasado o Real Decreto-ley para o fomento do emprego e a contratación indefinida que recolle a medida anunciada por Rajoy no marco do Debate de Política Xeral, a coñecida como “tarifa plana de 100 euros”.

Unha medida da que “nos preocupa o impacto que vai ter nos ingresos da Seguridade Social posto que os vai mermar, e da que nos preocupa as súas repercusións sobre o emprego”, enfatiza a deputada do BNG.

Davila advirte que con este tipo de decisións os ingresos se van reducir, e “dado que o Goberno non adoptou ningunha decisión de transferir un monto económico desde os Orzamentos do Estado ás arcas da Seguridade Social, o que sucederá será que o Goberno vai esgotar todo o Fondo de Reserva, cuestión que nos parece preocupante”.

Ademáis, alerta a portavoz do BNG, esta “a cara B desta medida: as consecuencias negativas sobre o emprego. Coa tarifa plana vanse incentivar os despedimentos para logo fomentar as contratacións en precario. Outro paso máis do Goberno do PP para empiorar as condicións laborais, beneficiar á patronal e abaratar a mán de obra. Cada vez pior, o PP está a destruir o valor traballo até convertilo nun saldo. Será barato contratar e despedir con salarios paupérrimos e condicións laborais dos tempos da era industrial”.

Este é o modelo da dereita que, advirte, “contribuirá a incrementar o nivel de probeza e o nivel de desigualdade, os ricos cada vez máis ricos e traballadores cun poder adquisitivo cada vez menor”.

Para Davila “non son estas as medidas que precisa o mercado laboral do estado español” e sinala que “está claro que a estratexia do PP é converter a mán de obra do estado español en barata a semellanza do que sucede en países de Asia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG