Davila a Ana Mato:"Queren voltar á falsedade e á hipocresía no tema do aborto?"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, criticou esta tarde a actitude da Ministra de Igualdade, Ana Mato, por evitar o tema da reforma da lei de interrupción do embarazo sinalando que “era unha cuestión do Ministerio de Xustiza”.

A Ministra de Igualdade comparecía esta tarde por varias cuestións, entre elas pola solicitude do BNG para que explicase a súa posición sobre a intención do Goberno de modificar a lei do aborto.

A Lei de 2010 foi froito do consenso. “Só faltou o PP porque están condicionados á Conferencia Episcopal”

A deputada do BNG lembrou a Ana Mato que a Lei de Interrupción voluntaria do Embarazo do ano 2010 tramitouse “nesta Comisión de Igualdade con grande esforzo e rigor. Fíxose a solicitude da sociedade civil que reclamaba unha lei que otorgase garantías xurídicas e sanitarias ás mulleres”. A lei, puntualizou, afecta de cheo ás mulleres, “ao dereito das mulleres a decidir se van ser nais ou non”.

Acusou a Ana Mato de que a pesar de todo isto “ventile o tema do aborto con dúas palabras e remita toda cuestión ao Ministerio de Xustiza. Preocúpanos seriamente que desde o seu Ministerio non se queira abordar este tema”. A lei, subliñou, creouse nesta Comisión, e foi unha lei aprobada por consenso, “unha lei á que só lle faltou o consenso do PP porque estaban e están condicionados á Conferencia Episcopal. Ese é o único problema que teñen”.

“Queren voltar á hipocresía, á falsedade? Queren que as mulleres vaian ao cárcere se son denunciadas por abortar?”, son algunhas das preguntas que Davila espetou á Ministra. Nesa liña, pediu á Ana Mato que “se molle nesta cuestión”.

Davila puxo de manifesto a “enorme hipocresía que a Igrexa católica tivo neste tema”. Afirmou que coa lei de 2010 “falamos suficientemente para que non se dean pasos atrás na lei, senón que incluso habería que dar pasos cara adiante”. Ademáis, lembrou á Ministra que non só é unha lei de interrupción voluntaria do embarazo senón que tamén é unha de Saúde Sexual e Reproductiva, “un terreo no que o Goberno non está actuando”.

Retroceso na loita contra a violencia de xénero e políticas de igualdade

En relación ás políticas de igualdade e violencia de xénero, a deputada do BNG reprochou á Ministra que non se estea facendo nada en relación a incentiva a igualdade na educación. “Pensamos que se está retrocedendo cando para loitar contra a desigualdade e a violencia de xénero é fundamental cambiar os roles”.

De igual xeito, manifestou que a Lei Integral de Violencia de Xénero tamén foi froito do consenso. Davila mencionou as últimas mulleres vítimas de violencia de xénero, “unha violencia que está inserida a diario, e non só relacionada con asasinatos. A maioría dos casos permanecen no silenzo, non son denunciados”. Por iso, reclamou políticas neste sentido.

Tamén puxo sobre a mesa a situación nas comisarías onde se están eliminando os servizos de atención especializada. “Tampouco vai falar disto Señora Ministra porque non é do seu departamento? Unha cousa é que haxa asuntos que atinxen tamén a outros Ministerios como o de Interior ou o de Xustiza e outra é que se desentenda. Non se vaia pola tanxente”.

Reprochou á Ministra a significativa reducción nos orzamentos adicados a políticas de igualdade a e combater a violencia de xénero.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG