Davila afirma que a refoma da lei do aborto do PP "destila machismo e reaccionarismo"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, acusou hoxe ao Goberno do PP de “levar ás mulleres de novo a un período negro cunha reforma da lei do aborto que supón un paso atrás, unha involución sen precedentes en materia de dereitos das mulleres”.

A deputada do BNG lamentou que “de golpe e porrazo Gallardón vaia anular unha lei de prazos que custou moito esforzo aprobar, que tivo un amplo consenso, que situou ao estado español na liña dos países europeos máis desenvolvidos en materia de dereitos sociais, e que está a proporcionar seguridade sanitaria e xurídica ás mulleres que deciden interrumpir o seu embarazo”.

Con este anteproxecto que previsibelmente vai aprobar este Consello de Ministros, “o Goberno do PP obvia os razonamentos, desatende as necesidades das mulleres, e só se move por criterios ideolóxicos reaccionarios, recalcitrantes, por contentar aos sectores máis ultra e por cumprir cos desexos da Conferencia Episcopal”.

A lexislación europea máis avanzada conta con leis de prazos

Davila tildou a Gallardón de “hipócrita social” por argumentar que esta reforma da lei do aborto era un compromiso eleitoral do PP. “Levan dous anos incumprindo todos os días compromisos eleitorais pero casualmente este non se lles pasa”. Afirmou a deputada do BNG que “ademáis hai un compoñente machista e paternalista na reforma de Gallardón. Crese con dereito a impoñer o que as mulleres deben facer e decidir, como se fosemos parvas e non puidésemos decidir por nós mesmas sobre os nosos corpos. É dunha ranciedade sen límites”.

Davila reivindica o “dereito a decidir das mulleres” e censura que unha lei de prazos vaia ser suprimida para intercambiala por unha lei de supostos aínda pior que a que estaba vixente até 2010. Nese sentido lembra que “a lexislación europea, a dos países máis desenvolvidos aos que o Goberno de Rajoy se quer parecer teñen leis de prazos, incluso máis avanzadas que a existente no estado español”.

A deputada do BNG deixa claro que o BNG “se vai opór rotundamente a esta lei cando sexa tramitada no Congreso”. Expresou a súa confianza en que “as mulleres se van movilizar e non perdonarán ao PP semellante regresión”.

Asemade, lembrou que a lei non só é unha lei de interrupción voluntaria do embarazo senón que tamén é unha Lei de Saúde Sexual e Reproductiva.

Para a deputada do BNG “hai quen añora os tempos pasados, tempos pretéritos cando as mulleres estaban confinadas nas casas, adicaban todo o seu tempo aos maridos, non traballaban e tiñan os fillos que a providencia dictaba. Hai quen pretende que as mulleres voltemos a ese mundo escuro pero non o van conseguer”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG