Ana Pontón

Os datos da EPA reflicten que é urxente un acordo galego para a reconstrución social e económica

Ana Pontón
Ana Pontón
“Non podemos perder un minuto porque non son tempos para o oportunismo político senón para sumar esforzos con propostas que axuden a recuperar o tecido produtivo e o emprego”, alega

Os datos da EPA do primeiro trimestre de 2020 deixan en evidencia o enorme impacto en termos de destrución de riqueza e de postos de traballo que está a ter a crise do coronavirus, -con 13.000 empregos perdidos-, e iso pese a que non recollen as cifras correspondentes ao mes de abril. Con eses datos sobre a mesa, a portavoz nacional, Ana Pontón, considera que urxe un gran acordo de país que permita sumar esforzos e propostas para empezar canto antes coa reconstrución económica e social post-COVID19.

“Os datos da EPA confirman as brutais consecuencias económicas e laborais derivadas do coronavirus e por iso, desde o BNG, propoñemos que, sen perder un minuto, nos poñamos a traballar nun acordo de país para a reconstrución económica e social de Galiza, un acordo de todas as forzas políticas no Parlamento en colaboración cos axentes sociais”, explica Pontón.

“Desta crise, -recalca- se sae traballando xuntos e xuntas, sumando esforzos e con propostas que axuden aos nosos sectores produtivos, ao comercio e as empresas do país, e que axuden a garantir empregos dignos que agora se están destruíndo. Canto antes empecemos, antes veremos a luz ao final do túnel, e para iso hai que fuxir de oportunismos e traballar desde a sede da soberanía popular”, salienta.

Pontón insiste que, ante os efectos devastadores que a crise está provocando no tecido económico do país, hai que “definir os piares dun novo modelo para a Galiza post-COVID19 porque os efectos desta pandemia non poden abordarse desde a rutina senón con políticas excepcionais acordes co desafío”.

O Parlamento é o lugar para dar forma a ese “acordo de país”, no que tamén se conte cos axentes económicos e sociais, un acordo que para o BNG debe estar inspirado en cinco principios: defensa do sector público como motor de desenvolvemento económico e garante da xustiza social; impulsar o tecido produtivo; aposta estratéxica pola ciencia e o coñecemento; fortalecer os servizos públicos e solucións ao cambio climático.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG