Congreso:Davila urxe a Gallardón a comparecer porque a súa reforma do aborto "é un escándalo social"

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu esta tarde na sesión da Deputación Permanente a necesidade de que Gallardón compareza canto antes para abordar o anteproxecto de reforma da lei do aborto que tildou “de auténtica involución” nos dereitos das mulleres.  

A Deputación Permanente do Congreso reuniuse para debater e votar unha serie de solicitudes de sesións estraordinarias como a demandada polo BNG para que comparezan o Ministro de Xustiza e a Ministra de Igualdade polo anteproxecto de reforma do aborto. Solicitudes rexeitadas polo PP.

Davila expresou a “alarma do BNG ante unha proposta de reforma da lei do aborto que é unha involución dos dereitos sanitarios e xurídicos das mulleres que deciden interrumpir o seu embarazo. Incluso deixa ás mulleres como seres irresponsábeis, e son os homes os que deben decidir por elas”.

“É unha proposta profundamente reaccionaria. E non só estamos alporizados desde a esquerda, senón que existen voces alarmadas incluso no espectro da dereita”, sinala Davila.

Para a portavoz do BNG a proposta do Goberno de reforma do aborto “é un escándalo social”. Lembrou que a lei aprobada no ano 2010, que non foi votada polo PP, foi froito do consenso. “Unha lei que na súa conformación contou coa participación de todas as forzas políticas, organizacións sociais, sanitarias, xurídicas ou feministas”. Foi produto dun amplo consenso, indicou.

A lei de 2010 foi froito dunha grande participación e amplo consenso

Ademáis, puxo de manifesto que desde a aplicación da lei do ano 2010, e segundo dados do propio Ministerio de Sanidade, a realización de abortos se reduciu nun 5% desde entón. “Unha lei que aínda non foi desenvolvida por completo e que o Goberno do PP quer reformar por aspeitos ideolóxicos que só abarcan a unha minoría fundamentalista e que se quer impór ás maiorías”.

A portavoz do BNG no Congreso demandou que comparezan Gallardón para que se debata na Cámara antes de que se presente o proxecto. “Non podemos permitir unha involución de tal calibre nos dereitos das mulleres”.

Davila salientou o feito de que case todos os estados da UE nos parabenizaron cando se aprobou a Lei de Saúde Reproductiva no ano 2010, “estados europeos que hoxe están escandalizados pola enorme involución do anteproxecto do Goberno”.

Rematou advirtindo ao PP que “non podemos voltar a unha lexislación que deixará ás mulleres ao borde da morte”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG