Os concellos do BNG, contra o canon que a Xunta pretende cobrar en centros de día e escolas infantís

Os concellos do BNG, contra a extorsión da Xunta en servizos sociais

Os concellos gobernados polo BNG anuncian que non van asinar os convenios que a Axencia Galega de Servizos Sociais pretende impor unilateralmente, modificando sen negociación previa as condicións polas que a día de hoxe se prestan servizos básicos nos centros de día e nas escolas infantís, e impoñendo un canón aos municipios que lles obriga a pagar 3.600 euros anuais por cada usuario no primeiro caso, e 1.500 euros, no segundo.

Os concellos do BNG, contra a extorsión da Xunta en servizos sociais

Nunha comparecencia antes os medios, o rexedor de San Sadurniño, Secundino García, resumía a posición dos alcaldes e alcaldesas do BNG: “Non imos asinar estes convenios porque para os concellos é inasumible ter que pagar por prestar servizos que son competencia autonómica”. Entre os custes que a Xunta pretende trasladar aos concellos, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, citaba mesmo ao persoal das escolas infantís, e reclamaba da Xunta “o mantemento e calidade deses servizos sociais”.

Ata agora, os concellos tiñan convenios co desaparecido Consorcio do Benestar con condicións negociadas entre as partes. En liñas xerais, os municipios aportaban as infraestruturas, asumían o mantemento e mesmo persoal de apoio, segundos os casos. “Pero co novo modelo que pretende impoñer a Xunta con estes convenios unilaterais, aplica un canon uniforme que deben pagar os municipios”, explicaba o portavoz nacional, Xavier Vence,

“Ningún concello está en condicións de aportar esas cantidades”, advertiu Vence, quen augurou “o fracaso” deste modelo de recortes e privatizador dos servizos sociais que o goberno deseña a través da Axencia Galega de Servizos Sociais. “É un fiasco, un fracaso máis produto das políticas de recorte de Feijóo”, denuncia o dirixente nacionalista, quen criticou a “extorsión” aos concellos para obrigalos a entrar na nova axencia.

Os concellos do BNG, contra a extorsión da Xunta en servizos sociais

O BNG leva o debate ao Parlamento para que desde a Cámara saia un mandato claro instando ao Goberno a “restaurar o consenso cos concellos”, explicou a deputada portavoz de asuntos sociais, Carme Adán. “Pedimos retirar os convenios unilaterais e que a Xunta se sente a escoitar e a negociar cos alcaldes e alcaldesas, que se establezan acordos con todos os concellos, ben de xeito bilateral, ben a través da Fegamp”.

Vence sintetizaba as demandas do Bloque neste asunto: volver á senda do consenso cos concellos, recuperar o modelo público de prestación de servizos sociais, que a Xunta asuma o financiamento dos servizos que lle competen e frear a privatización de prestacións básicas que afectan “aos nosos maiores e aos nosos fillos e fillas”.

Á espera de reconducir a situación entre a Axencia Galega de Servizos Sociais e os municipios, o Bloque pide á Xunta “que garanta” o normal funcionamento dos centros de día e das escolas infantís e a apertura inmediata das negociacións cos concellos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG