XERAIS 2019 (10N)

Carme da Silva pide sumar o voto de “todos os desencantados de esquerdas” no BNG para que Galiza volva ser protagonista en Madrid

Acto Vilagarcía de Arousa
Acto Vilagarcía de Arousa

A cabeza de lista subliñou que o 10N “xogámonos ser ou non ser” na política do Estado

Lembrou que a mellora da xestión do Porto de Vilagarcía, a seguranza viaria da N-640, ou as necesidades do sector pesqueiro son temas que tanto PP como PSOE e Podemos demostraron non ter na súa axenda

Carme da Silva pide sumar o voto de “todos os desencantados de esquerdas” no BNG para que Galiza volva ser protagonista en Madrid

Sumar o voto de “todos os desencantados de esquerdas” no BNG. Esa foi a petición que realizou hoxe no mitin de Vilagarcía a cabeza de lista do Bloque pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva. A nacionalista destacou que é fundamental transformar o cabreo coas forzas estatais ante a súa inoperancia para formar goberno e o seu esquecemento de Galiza, e transformalo nunha oportunidade para que o país volva ter voz no Congreso e cese a discriminación a galegas e galegos. 

“Xogámonos o ser ou non ser na política do Estado”, dixo Da Silva, insistindo en que Galiza non pode quedar fóra da Cámara Baixa nun momento histórico no que cataláns, vascos, valencianos, canarios e até cántabros van ter representación propia. “Hai que votar en clave de país, darlle valor a Galiza, e por iso pido a todos os desencantados do PSOE e de Podemos que cambien o seu voto e fagan algo útil en lugar de quedar na casa: apostar polo BNG e facer protagonista a Galiza”, subliñou.

Acto Vilagarcía de ArousaA nacionalista puxo sobre a mesa a total discriminación que as forzas estatais tiveron ao respecto do país nos últimos anos dende que o Bloque deixou de ter representación. Subliñou que PP e PSOE alternáronse no ‘ninguneo’ a Galiza e apostillou que Podemos, “eses que ían asaltar os ceos”, pactaron cos socialistas os peores orzamentos para o país nos últimos vinte anos. “E aínda nos queren convencer de que non nos discriminan… Quedou claro que non hai alternativa ao BNG para os que lle queren a Galiza, porque os 23 deputados e deputadas elixidos polas demarcacións galegas –aos que chamou ‘os caladiños’- non teñen a cabeza no país nin nas súas necesidades”, puntualizou.

En canto a Vilagarcía, Da Silva fixo un percorrido polas reclamacións históricas e lembrou que tanto a mellora da xestión do Porto de Vilagarcía, como a seguranza viaria da N-640 ou as necesidades do sector pesqueiro “non están na axenda” das forzas centralistas. A cabeza de lista puxo sobre a mesa a necesaria transferencia a Galiza de todos os portos de interese xeral do país, incluído o vilagarcián, e indicou que “non poden dicirnos 500 quilómetros cara ao interior” como se deben xestionar.

Tamén fixo referencia á pesca, e destacou que o BNG esixirá en Madrid con voz forte e firme que Galiza teña status de nación pesqueira con iniciativas parlamentarias que defendan o sector galego do “saqueo e roubo” que supoñen as normativas estatais e europeas que a día de hoxe deixan á frota amarrada. Así mesmo, a cabeza de lista afeou ao Goberno central o estado das infraestruturas viarias na comarca e subliñou que a N-640 entre Caldas e Vilagarcía sufre un grande problema de violencia viaria.

Como xa fixera nas anteriores eleccións de abril, Da Silva indicou que os orzamentos e os investimentos do Estado teñen pasado nos últimos anos “de puntillas” polas necesidades do Salnés. Destacou que só o BNG poderá levar as demandas da comarca ao Congreso coas mans libres e insistiu en que a xente debe acudir ás urnas o domingo e a optar “pola opción de país”, convertendo o cabreo e o desencanto coa situación política estatal en votos ao BNG.