Xerais 2019

Carme da Silva insta ás mulleres do Morrazo a converter o 28A nun novo 8M para ter voz feminista e galega en Madrid

Café feminista
Café feminista

A cabeza de lista destacou que o BNG reivindicará no Congreso xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas, o veto aos ventres de alugueiro, e un ano de permiso por maternidade e paternidade intransferible

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, instou hoxe en Moaña ás mulleres do Morrazo a converter o vindeiro 28 de abril nun novo 8M para ter voz feminista e galega en Madrid da man do BNG. Da Silva asegurou que o Bloque demandará no Congreso xulgados de violencia de xénero en todas as cidades galegas, o veto aos ventres de alugueiro, e aumentar a un ano o permiso por maternidade e paternidade, cuestións que a “dereita cavernícola” frea continuamente.

“Demostremos de que somos capaces as mulleres galegas, que sempre sacamos as cousas adiante nas condicións máis adversas”, pediu Da Silva, instando á forza das das que queren un cambio que sitúe a Galiza no mapa a traballar para que haxa deputadas que dean voz aos intereses, necesidades e a realidade do país. 

A candidata lembrou no café feminista de Moaña que as mulleres galegas teñen as pensións e os soldos máis baixos do país, cunha fenda salarial que necesitaría de 600 anos para igualar as nóminas cos homes por realizar un mesmo traballo. “Iso ten que rematar”, asegurou, para enumerar os compromisos polos que pelexará o Bloque tras a súa volta ao Congreso despois do 28A. 

A cabeza de lista afirmou que o BNG loitará “e condicionará as políticas do Estado” para conseguir que Galiza teña xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades galegas e máis medios para combater o machismo. Tamén subliñou o compromiso de frear calquera intento de legalizar os ventres de alugueiro, o que cualificou como a “nova fórmula de explotación das mulleres”. Finalmente, avogou por ampliar os permisos de maternidade e paternidade a un ano de xeito intransferible.

Da Silva aproveitou o encontro para criticar duramente as recentes declaracións de Ana Pastor en Moaña e de Cayetana Álvarez de Toledo no debate de TVE, que aseguraron que “as mulleres do PP estamos aquí porque valemos e non por cotas” e aludiron “á cousa esta do feminismo (sic)”, banalizando a loita de milleiros de mulleres contra a violencia machista e a favor da igualdade real.  A candidata nacionalista subliñou, neste sentido, estar moi orgullosa das mulleres galegas e de que sexan, no seu caso, unha cota, “porque o feito de que as mulleres estean no lugar que corresponde conseguiuse tras moitos anos de loita” con cotas e ocupando espazos tradicionalmente gardados para homes. “Pastor e Cayetana seguen o que di Casado e Feijóo, e que o PP poña ás súas mulleres a falar así é un insulto para todas”, destacou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, subliñou que as políticas do Estado non están pensadas “con perspectiva de muller”. Destacou ademais a problemática concreta das mulleres mariscadoras ou redeiras, ás que non se lles recoñece o dereito ao coeficiente redutor que si teñen os mariñeiros embarcados. “Elas sofren as mesmas penalidades dos homes que están a bordo. As condicións do traballo son as mesmas: están ao frío, con humidade... E quen pensades que vai saber defendelas en Madrid? Que deputados as van poñer por diante?”, preguntouse, asegurando que “ninguén o fixo ata o de agora”.

Por este motivo, Santos destacou que o voto útil o vindeiro 28A será o voto ao BNG xa que ademais dun voto para defender ás mulleres e os seus intereses, será un voto para frear as políticas da dereita, e un voto para a defensa de Galiza e as súas potencialidades. "Se nós non estamos como mulleres para falar das nosas cousas, outros o farán por nós, e igual acontece co noso país: se nós non estamos para defender á nosa Galiza, a nosa matria, ninguén o fará”, destacou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG