Carme da Silva: “Hai que encher as urnas con votos ao BNG para frear á mafia, aos esbirros de ENCE e á dereita”

Ameazas Carme da Silva
Ameazas Carme da Silva

A cabeza de lista afirmou hoxe que as pintadas ameazantes aparecidas no seu domicilio son un ataque político que “non nos amedrenta” e instou á Fiscalía a investigalas de oficio de forma inmediata 

A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, instou hoxe a “frear á mafia, aos esbirros de Ence e á dereita” enchendo as urnas de votos para o BNG o vindeiro 28A. Da Silva fixo este chamamento despois de que na mañá de hoxe apareceran diante do seu domicilio novas pintadas ameazantes ao lado das feitas cando fora nomeada candidata ao Congreso: unha nova diana identificándoa como obxectivo, a palabra ‘ATENTA’, e a frase ‘BNG FORA’, ademais de lazos verdes como os utilizados para reivindicar a permanencia de Ence na ría de Pontevedra.

Da Silva asegurou que as ameazas teñen unha marcada finalidade política, xa que pretenden ter incidencia electoral buscando que o BNG quede fóra do Congreso dos Deputados. Sen embargo, subliñou, “non nos amedrentan, senón que farán que o Bloque Nacionalista Galego traballe máis forte para defender e dar voz a Galiza e os seus intereses nas Cortes do Estado”.

“Está claro que esta mafia, esbirros de Ence e esta dereita que opera en Galiza chámese como se chame ten perfectamente claro quen é o seu inimigo político. É claro que non queren que o BNG teña representación nas Cortes do Estado, pero que teñan moi claro que isto non nos engurra, que non nos imos amedrentar. O que nos fai é coller máis forza para seguir traballando no que queda de campaña e garantir que o BNG estea no Congreso e sexa determinante na próxima lexislatura”, asegurou. 

A cabeza de lista por Pontevedra subliñou que o BNG seguirá firme nas súas conviccións defendendo a necesidade de que Galiza conte con voz propia, de que non goberne a dereita “españolista e carca”, e de que Ence debe saír da ría de Pontevedra. “Hai que ter unha presenza forte no Congreso porque é o BNG quen garante que comportamentos destes se paren. Pensan que poden facer o que lles dea a gana, pero estes comportamentos mafiosos e ameazantes ao Bloque Nacionalista Galego nunca o pararon e nunca o van parar”, insistiu. 

A candidata tamén esixiu que se aclare a autoría das diversas pintadas e instou á Fiscalía e ás autoridades competentes a que investiguen de oficio a situación de forma inmediata. “Quen ten a responsabilidade non pode pasar por riba destas cousas sen actuar como se está a facer dende que apareceron as primeiras –criticou-. Isto é algo que é publico, está na vía pública, nun espazo público. Pensamos que hai que actuar de oficio e téñeno que facer xa porque se reiteran este tipo de ameazas tanto persoais como á forza política no seu conxunto”. 

Da Silva finalizou a súa intervención asegurando que “a nós, ao BNG, o que nos queda é traballar para que estas mafias, esta dereita, estea fóra da representación e non poida determinar o futuro deste país, porque o futuro que queren para este país é ese: ameazarnos”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG