parlamento galego

Carme Aira advirte dos efectos da “seca en toda regra” sobre as colleitas e urxe medidas para garantir a soberanía alimentar

Carme Aira
Carme Aira
A deputada do BNG pide a Medio Rural que aposte polos modelos de produción tradicionais e actúe xa para evitar o estrés hídrico das producións vexetais      

A deputada do BNG Carme Aira instou hoxe ao Goberno do PP a non adiar máis a adopción de medidas para evitar as consecuencias da “seca en toda a regra” que está a sufrir xa Galiza. Nunha interpelación parlamentaria dirixida ao conselleiro do Medio Rural, Xosé González Vázquez, a nacionalista amosou a súa preocupación polos efectos do cambio climático sobre os solos e a súa produtividade e cominouno a actuar xa para garantir a “soberanía alimentar” da Galiza no futuro.

Carme Aira comezou a súa interpelación lembrando os estudos que ditaminan que “o proceso de cambio climático no noroeste será tan drástico que a súa vexetación e agricultura poden rematar parecéndose ao sueste peninsular e non á imaxe clásica do país con bosques caducifolios e prados”. Segundo un informe de 2019 do Observatorio de Sostibilidade, subliñou, as temperaturas subiron no último século 0,78 graos na cidade de Lugo; 0,80 na Coruña; 1,33 en Vigo; e 2,07 en Ourense. E seguirán a alza. No referente ás choivas, fíxose eco tamén dos informes que apuntan que as provincias de Lugo e Ourense reducirán á metade as súas precipitacións ata o 2050.

Sen querer ser “catastrofista”, Aira advertiu do dano das secas continuadas sobre os solos, até o punto de convertelos en improdutivos, polo que “non hai que esperar máis e hai que establecer liñas de actuación dende este mesmo momento”. Xa non chegan só, considerou, as axudas para compensar no agro perdas ocasionais por fenómenos meteorolóxicos adversos, porque estes serán máis frecuentes no futuro “ocasionando perdas de colleitas que non só van afectar á economía dos e das produtoras, senón que van desabastecer de alimentos vexetais os mercados”.

“Precísase conseguir un territorio resiliente ante o cambio climático”, apuntou a nacionalista, para quen é fundamental garantir as producións vexetais co mínimo uso de auga e de fitosanitarios. “Os vexetais en situación de estrés hídrico sofren pragas, enfermidades e deformidades que lles impiden chegar ao mercado ou, chegando, no se venden a prezos razoables e despois dun incremento de uso de fitosanitarios”, explicou.

A parlamentaria do Bloque puxo enriba da mesa tres cuestións fundamentais para actuar a curto, medio e longo prazo. A primeira, o fomento de prácticas protectoras para o territorio “apostando polos modelos de produción máis sostibles” porque, destacou, “as granxas pequenas e medianas non poden quedar fora das axudas nin en ecolóxico nin en convencional”. A segunda, establecer mecanismos para optimizar a xestión da auga, mellorando a súa captación e aproveitamento para o rego e aplicando técnicas de aforro que poidan garantir as producións hortícolas e frutícolas. E a terceira, impulsar liñas de investigacións que permitan atopar variedades resilientes á seca, posto que as condicións edafolóxicas do territorio “están modificándose a pasos axigantados”.

Carme Aira emprazou tamén ao Goberno do PP a actuar diante do Estado para aumentar os fondos que recibe Galiza na loita contra o cambio climático, e criticou que as medidas postas en marcha até o momento dende a Xunta “parecen fiadas a requirimentos externos impostos dende Europa e dende o Ministerio, e fiados tamén aos fondos do segundo pilar da PAC, obxectivos e esixencias que por encorsetados e lonxanos non abordan profundamente as múltiples situacións do noso agro”.

“Temos medios e tamén recursos, haberá que utilizalos para o que precisamos co fin de abastecer á poboación. Pero terá que haber planificación e coordinación entre tódolos implicados”, díxolle Aira ao conselleiro, ao que botou en cara que até o de agora non teña adoptado nin unha soa medida para poñer Galiza á vangarda nestas cuestións, sen políticas de apoio á investigación agraria do país, que está “ao borde do desmantelamento por falta de persoal e medios”, afirmou na quenda de réplica.

A parlamentaria do BNG afeoulle tamén ao titular de Medio Rural o deseño das axudas que, nunha “especie de megalomanía”,  priman o esquecemento das pequenas e medianas granxas, que precisamente son as protectoras do territorio”. “Demostrárono cando deixaron fóra numerosas producións en ecolóxico, cando as deixaron sen axudas por danos do lobo, ou cando restrinxiron esas axudas para zonas de limitacións naturais aos concellos de montaña”, exemplificou Aira, quen convidou finalmente ao conselleiro a “poñer cartos enriba da mesa” nunha aposta decida pola loita contra o cambio climático e o agro galego, “para non vernos como Castela, protestando ás portas do Ministerio, ou como Doñana, sobrevivindo de pozos ilegais”.   
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG